Enrique Losada: o descoñecido mestre galego de Di Stéfano

Un galego anónimo foi chave no desenvolvemento dun dos mellores xogadores da historia
Enrique Losada, do que non se conservan imaxes, era o mozo dos recados da familia Di Stéfano cando residían no barrio de Barracas. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Enrique Losada, do que non se conservan imaxes, era o mozo dos recados dos Di Stéfano cando residían no barrio de Barracas. (Foto: Nós Diario)

Non intenten buscar o seu nome en Google. Tampouco na Wikipedia. Nin no Twitter. Nin sequera na deep web. Porque, como acontece con tantos galegos e galegas con vidas de película, un veo de esquecemento cubre a figura de Enrique Losada, o home que ensinou a xogar ao fútbol a nin máis nin menos que Alfredo Di Stéfano.

No ano 1936 o que apenas unha década máis tarde recibiría o eterno alcume de "Saeta Rubia" da pluma do cronista deportivo Roberto Neuberger -debido á súa punta de velocidade e aos seus loiros cabelos- era aínda un bulebule de tan só 10 anos de idade que aloumiñaba o primeiro balón de coiro da súa vida.

Era unha desas pelotas clásicas, con cordóns, que  obrigaban os futbolistas da época a xogar cun pano na cabeza ou cunha boina -como Fernando Fariña, o ídolo futbolístico de Castelao- para evitar abrir a testa en cada remate. Aínda que, en comparación coas que estaba afeito a confeccionar co envoltorio dos pescozos das amidoadas camisas que recibía o seu pai dunha lavandería xaponesa, para o pequeno Alfredo era gloria bendita.

Mentres o que chegaría a ser mellor xogador de fútbol do mundo daba as súas primeiras patadas a un balón de verdade, o seu pai, tamén coñecido como Alfredo, prosperaba no Bos Aires da época desde o seu cargo de secretario na Cámara Gremial de Patacas, recorrendo aos servizos dun adolescente galego como mozo dos recados.

Co tempo, ese rapaz faríase coa súa confianza e ampliaría as súas funcións á asistencia da súa dona, Eulalia, no coidado do fogar e dos tres fillos do matrimonio: Tulio, Norma e Alfredo Júnior, a quen sacaba sete anos.

Enrique Losada, que así se chamaba, era o menor de catro irmáns -Ramón, Eugenio e Antonio eran os nomes dos outros tres- e o primeiro gran preparador da Saeta Rubia. "Foi o meu instrutor, quen me ensinou a pegarlle á pelota, 'pisá aquí, Alfredito, pisá a pelota aquí, deste modo', dicíame", revela o propio Alfredo Di Stéfano na súa autobiografía, editada no ano 2000.

Segundo conta o astro arxentino, ese "galleguito" mandábao golpear o balón unha e outra vez contra as paredes dunha fábrica próxima usando as dúas pernas para mellorar o seu golpeo e a súa habilidade: "Todo se aprende. O fútbol tamén é aprendizaxe, e grazas a iso eu conseguín defenderme ben coa esquerda a pesar de ser destro".

Estas, xunto cunhas declaracións de Norma, irmá do cinco veces campión de Europa, recollidas nunha publicación de Ian Hawkey en 2017 nas que lembra Losada como "o único rapaz que nos axudaba na casa, porque o resto eran mozas", son os únicos testemuños que chegaron até o día de hoxe dun galego esquecido pola historia e o tempo, pero cun peso indubidábel como mestre dun futbolista único e irrepetíbel que figura por méritos propios no olimpo dos deuses do fútbol con Pelé, Maradona e Johan Cruyff.

Comentarios