A Enmanuel Reyes Pla escapóuselle esa medalla de ouro que tanto ansiaba e deberá conformarse cun bronce, premio para nada menor, que celebra pero que non satisfai a súa fame competitiva, especialmente despois de caer en semifinais ante o azerí Loren Alfonso nun combate no que se vía gañador dada a pasividade do seu rival no ring.
"Estou súper contento co que fixen. Creo que o din todo, levei ben o combate. Creo que os que non tiveron vista foron os árbitros, que estaban cegos", dixo, entre risos, na zona mixta do París Norte Arena unha vez consumada a derrota. "Sentinme gañador no combate", reiterou.
O púxil da Coruña mostrouse convencido de que asestou "moitos máis golpes efectivos", pero os xuíces "parece que non o viron así, viron un combate distinto", lamentou. "Vírono a el [Loren Alfonso], que bailaba máis e levantaba as mans sen dar golpes, e é o que hai. Vírono a el e aos seus golpes, que foron pantasmas. Parece que o que se busca é ese boxeo", insistiu, tirando de ironía.
O azerí apenas buscou a Reyes Pla no ring. Mantivo unha actitude pasiva, máis preocupado por esquivar que por golpear, algo que tampouco colleu por sorpresa ao boxeador cubano-galego: "Sabía que ía saír así, que ese era o seu boxeo. Xa lle gañara en Italia, pero aquí os árbitros parece que o viron diferente". Parabenizou Alfonso, mais matizando que "el sabe que os árbitros non o viron como o tiñan que ver".
Con todo, e a pesar de non poder loitar polo ouro na gran final que se disputará en Roland Garros o 9 de agosto, afirma marchar de París "moi contento e satisfeito" pola medalla conseguida. As sensacións nada teñen a ver coas que tivera en Toquio 2020, cando o eliminou en cuartos o cubano Julio César La Cruz, insistiu Reyes, visibelmente feliz a pesar da derrota.
O púxil agradece todo o apoio recibido desde A Coruña: "Estou moi contento de dar unha alegría á miña xente de Galiza, pois esta é a primeira medalla olímpica para o boxeo galego. Celebrarémolo cunha gran festa".