domingo 19.01.2020
PERTO DE 20.000 [email protected] EN RIAZOR

O empate de Venezuela no último minuto non desloce a brillantez da Irmandiña no seu retorno

A selección galega despregou un fútbol de alto nivel na súa volta aos campos de xogo despois de 8 anos de ausencia. Iago Aspas e Lucas Pérez combinaron á perfección nun equipo no que destacaron, entre outros, Denís Suárez e Mosquera.

[Imaxe: Xurxo Lobato] Partido da selección galega de fútbol contra Venezuela
[Imaxe: Xurxo Lobato] Partido da selección galega de fútbol contra Venezuela

A Irmandiña retornou aos campos de xogo após case 8 anos de ausencia e fíxoo protagonizando o que quizás sexa o seu mellor partido. Nada a estrañar, se temos en conta que o combinado galego reunia unha calidade talvez non acadada anteriormente. A selección galega xogou como se se coñecese de vello, todo un mérito entre xogadores mozos e que non tiveron moito tempo para se compenetrar e preparar o encontro. Xa advertiran os treinadores, Fran e Salgado, da calidade desta Irmandiña. O partido deulles a razón. O empate venezuelano (no minuto 92) non debe deslucir a brillantez e calidade do xogo dos galegos.

Xa advertiran os treinadores, Fran e Salgado, da calidade desta Irmandiña. O partido deulles a razón

Xogou Galiza en Riazor o seu encontro número 23. Desde un primeiro momento a selección saíu a polo partido. Enfronte non tiña un equipo que se limitaba a ser 'sparring' nun amistoso. Venezuela estreaba treinador e, aliás, neste encontro ía dirimirse en boa medida se un feixe de xogadores ían ou non disputar a Copa América. Dúas boas razóns para ir a por todas.

Aspas & Lucas

Porén, a Irmandiña quería que este partido fose o seu partido. Xa no minuto 5 estivo a piques de marcar nunha gran xogada entre Lucas Pérez e Iago Aspas que Jota Peleteiro non deu rematado ben. A xogada xa deixaba ver unha sintonía no fútbol do céltico e o deportivista, que combinaban á perfección. Galiza dominaba o partido sen maiores problemas e cando estes intentaban aparecer (minuto 14, gran tiro de falta de Rómulo), unha espectacular estirada de Sergio solventaba a contrariedade.

Xogou Galiza en Riazor o seu encontro número 23. Desde un primeiro momento, a selección saíu a polo partido

No minuto 36 chegaba o gol de Galiza nas botas de Iago Aspas, que rematou a porta baleira unha bola que fora mal rexeitada polo porteiro venezuelano após tiro de Peleteiro. Ledicia no campo e nas bancadas, onde os perto de 20.000 seareiros asistentes non pararon de animar desde o primeiro minuto.

IMG-20160521-WA0007

A segunda parte non supuxo un cambio grande do guión baixo o que transcorreu a primeira. Galiza dominaba e xogadores como Denis Suárez amosaban o seu nivel sobre o céspede. Nos minutos 53 e 72 Galiza volveu ter oportunidades de gol nas botas de Lucas Pérez e Joselu, mais non se materializaron. A que si callou foi, xa no minuto 92, a de Venezuela, cun gol de J. Martínez que empataba o encontro. Un caldeiro de auga fría cando todos, quizás até os venezuelanos agás Martínez, daban por feita a vitoria galega.

Mais as sensacións e impresións sobre a selección galega foron positivas, Até Rafael Louzán, presidente da Federación galega de fútbol, aseguraba en declaracións á TVG que volvería xogar a Irmandiña nos vindeiros anos. Michel e Fran declaraban finalizado o encontro: "En canto rematou o partido, os xogadores pediron xogar outro. Eles queren estar xuntos"

Animación

Entre 18.000 e 20.000 persoas asistiron en Riazor ao retorno da Irmandiña. Non pararon de animar e apoiar a selección nacional. Boa parte dos presentes, ademais, encargáronse de completar a interpretación dun Himno Galego que o protocolo deixaba na metade, tal e como estes días xa adiantara Sermos Galiza.

Antes do encontro houbo unha manifestación convocada por Seareiros Galegos para exixir a oficialidade das seleccións galegas. Varios centos de persoas marcharon da Praza da Leña até Riazor en defensa desta demanda.

A foto interior é de Xurxo Lobato.

comentarios