mércores 14/04/21

Elena Martínez, xogadora do CRAT da Coruña: "O toque de recoller está complicando compatibilizar o traballo co deporte"

O de Elena Martínez (Madrid, 1995) é un deses casos que demostran que nunca é tarde non só para introducirse nun deporte, se non para tornar nunha moi boa xogadora. Aos seus 25 anos, e logo de tan só tres practicando rugby, asinou esta tempada polo CRAT da Coruña, un dos mellores equipos de todo o Estado español.
A madrileña, durante a súa presentación oficial. (Foto: CRAT A Coruña).
A madrileña, durante a súa presentación oficial. (Foto: CRAT A Coruña).

—Vostede foi a derradeira incorporación do CRAT da Coruña na presente tempada. Nun mundo que aínda non está profesionalizado, como é o do rugby feminino, as fichaxes adoitan obedecer a cambios vinculados aos estudos ou ao mundo laboral. É este o seu caso concreto?

Si. Eu vin á Galiza por temas laborais, mais depende moito da situación particular de cada xogadora. Persoalmente, cheguei aquí para xogar e traballar, as dúas cousas, pero hai casos de compañeiras que se desprazan por estudos e por traballo e xa despois buscan un equipo.   

—Antes de asinar polo CRAT xogaba no Sanse Scrum madrileño, onde desenvolveu o conxunto da súa carreira até o de agora. Como evolucionou todo desde os seus inicios até a actualidade? Vanse dando pasos cara ao  profesionalismo?

Quizais non son a persoa máis adecuada para opinar sobre este tema, porque o certo é que levo moi pouco tempo practicando rugby, pois comecei hai só tres anos, con 22.

O que eu vivín até o de agora é que ninguén é profesional, pero si que se comeza a ver xente que se move polo deporte, sobre todo internacionais que marchan fóra para medrar e mellorar conseguindo contratos profesionais, ou sen contrato mais con algún tipo de beneficio, no sentido dunha vivenda etcétera.

Cada vez hai máis exemplos neste último sentido, pero a maior parte dos casos segue a ser o de mulleres que teñen que pagar pola súa propia ficha, a caixa de primeiros auxilios ou mesmo as viaxes, que eu no Sanse pagábaos do meu peto. Iso significa que aínda non se ve esa evolución cara á profesionalización. Eu non podería estar na Coruña soamente polo rugby, porque se non fose polo meu traballo non tería de que vivir.

—Co sobresforzo que iso implica, un caso recorrente no deporte feminino, xa sexa no fútbol, no piragüismo... en practicamente todas as disciplinas.

Xusto. Eu en canto saio de traballar teño que ir correndo ao ximnasio, porque aínda por enriba co toque de recoller resulta todo moito máis complicado. E o meu caso non é dos peores, pois teño compañeiras que teñen que faltar a adestramentos ou mesmo a partidos polos seus compromisos laborais.

—Cando se fala do efecto das restricións a causa do coronavirus  sobre o mundo do deporte adóitase situar o foco sobre debates do tipo "máscara si, máscara non" ou "tests si, tests non", mais non se incide sobre as consecuencias que ten sobre as súas vidas unha das medidas máis cuestionábeis, como é a do toque de recoller. En que as está afectando?

No meu caso particular algo menos que no doutras compañeiras, pois os meus horarios laborais permiten compatibilizar o traballo cunha pequena franxa de tempo para exercitarme no ximnasio, mais algunhas rematan habitualmente sobre as 20 horas da tarde, incluso alén desa hora, e como actualmente os adestramentos están finalizando sobre as 21.30 a causa dese toque de recoller, quedan sen poder adestrar, porque o que si que non van facer é faltar ao traballo.

—No terreo de xogo desenvólvese principalmente na posición de ‘3’. Como describiría as súas funcións sobre o campo para as persoas non iniciadas no deporte do rugby?

Xogo de '3', mais tamén de '5', depende da situación. En ambos casos a principal característica é que somos dianteiras e teñen moita importancia as fases estáticas, tanto en melee como en touch. No caso do '3' quizais máis na melee, e no caso do '5', aínda que na miña situación non son saltadora, máis na touch.

E logo, á hora do xogo aberto, alguén que non entenda de rugby vai ver que somos a xente forte do equipo, a máis lenta, a que concentra o xogo no centro do campo para que logo o balón poida saír fora e as demais poidan correr. Explícome ben? [ri].

—Perfectamente. E non é doado, porque o rugby non é un dos deportes, por dicilo dalgún modo, que teña as barreiras de entrada máis baixas. Foi complicado nos seus comezos aprender todas as normas, movementos e tácticas que implica unha disciplina tan complexa como é a do rugby? 

É certo que o rugby en si é un deporte, a nivel de normativa, moi complicado. Eu mesma, a día de hoxe, teño que ler as leis do xogo, porque pódenseme escapar certos detalles do regulamento. Por exemplo, antes practicaba baloncesto, e a nivel de normativa o rugby é moitísimo máis complexo. Logo, nos aspectos técnico-tácticos, implica moitas facetas que quizáis non se ben tanto desde fóra.

De feito, hai quen pensa que nos pasamos un balón e nos damos golpes, pero para que iso saia ben sen que ninguén se manque e o xogo sexa bonito hai que ter moita técnica tanto en ataque como en defensa. O rugby tamén obriga, ademais, a ter moita visión de xogo, porque un tackle, un contacto co balón nas mans, é para avanzar metros, mais entendo que para alguén que non practicara un deporte nunca pode chegar a ser moi complicado, aínda que chega a asemellarse a algunhas cousas doutros deportes de equipo.

comentarios