Ecoloxistas en Acción presenta alegacións contra a cidade deportiva do Celta en Mos

Cualifica as instalacións de "cabalo de Troia" dunha sociedade mercantil
Obras das novas instalacións deportivas do Real Club Celta. (Foto: Ecoloxistas en Acción).
photo_camera Obras das novas instalacións deportivas do Real Club Celta. (Foto: Ecoloxistas en Acción).

A plataforma Ecoloxistas en Acción vén de presentar alegacións ao Plan Especial para as Instalacións Deportivas do Real Club Celta de Vigo S.A.D. "nos montes comunais de Mos". Consideran que o devandito Plan Especial non é viábel "nin por razóns xurídicas nin por razóns ambientais, e tampouco por razóns de oportunidade desde o punto de vista do interese público", e por iso solicitan que se denegue a súa aprobación definitiva e que se arquive o procedemento administrativo iniciado no seu momento.

Esta organización ecoloxista denuncia a intención de "recalificar monte comunal cando non existe demanda social das instalacións deportivas do Real Club Celta, S.A.D., nin un destino a un uso ou servizo público do común dos cidadáns, senón tan só a satisfacer os desexos dunha sociedade mercantil", apuntan.

Consideran que os novos campos de fútbol non son máis que un "cabalo de Troia" para "activar usos comerciais e terciarios nun solo rústico de especial protección". "E en clara fraude de lei, pois forman parte dunha actuación moito máis ampla, que ao día da data actual carece por completo de cobertura xurídica", engaden.

Ecoloxistas en Acción sinala que o dimensionamento do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para Instalacións Deportivas é "moi superior" ás necesidades reais da actuación que teoricamente se expón, que son "tan só uns campos de adestramento ao aire libre e unhas instalacións complementarias imprescindíbeis para desenvolver a actividade deportiva".

Estratexia de "feitos consumados"

Para a plataforma resulta notorio o "solapamento consciente por parte da entidade promotora de trámites e procedementos urbanísticos de diferente natureza" co obxectivo de levar á práctica "unha sorte de estratexia de feitos consumados, coa que se pretende transformar de maneira relevante e inadmisíbel un chan rústico de especial protección en chan totalmente urbanizado e con usos indiscutibelmente urbanos e alleos á contorna na que se pretenden desenvolver. A residencia para futbolistas, os usos vinculados á restauración... é necesario levalos a cabo nese tipo de chan? Obviamente, non", apostilan.

Finalmente, critican que -"á marxe de mencións ornamentais"- non se ofreza nin se expoña "solución real ningunha á protección e ao estudo do patrimonio cultural existente na contorna, en especial no que se refire a xacementos romanos. 

Comentarios