Duros rivais para Celta e Baxi Ferrol nos grupos polo ascenso de categoría

Barcelona e Leganés, principais rivais das galegas.
O Celta loitará polo ascenso (Foto: Celta Baloncesto).
photo_camera O Celta loitará polo ascenso (Foto: Celta Baloncesto).

O sorteo levado a cabo na sede da Federación Española de Baloncesto para determinar os grupos da fase de ascenso á Liga Endesa, a máxima categoría do baloncesto estatal, deparou que os dous representantes galegos, Celta Baloncesto e Baxi Ferrol, quedaran encadrados no primeiro e no terceiro, respectivamente. 

A rolda definitiva para fuxir da Liga Feminina 2 terá lugar en sede única, concretamente no Pavillón Europa de Leganés, entre os días 8 e 11 de abril, e as escuadras rivais dos conxuntos do país serán, no caso do Celta, FC Barcelona e CB Alcobendas, e no do Baxi Ucam Jairis Murcia e Advisoria Maresme  Mataró.

O primeiro encontro para as ferrolás será o 8 de abril, quinta feira, ás 11 horas da mañá, tendo como rival as catalás do Mataró. Dous días máis tarde, o sábado 10, e á mesma hora, medirase á escuadra murciana do Ucam Jairis. Pola súa banda, as olívicas debutarán ante o poderoso Fútbol Club Barcelona, que contou por vitorias os seus partidos na primeira fase, ás 20 horas do 8 de abril, mentres que, sen tempo para recuperarse, ao día seguinte tocaralle colisionar co Club Baloncesto Alcobendas, tamén ás 20 horas da tarde.  

Para conseguir o anhelado obxectivo do ascenso o único camiño pasa por que rematen no primeiro posto de cadanseu grupo. De conseguilo, o Baxi xogaría as semifinais o domingo ante o campión do Grupo 4 (Osés Construción Ardoi, Santa  Adria e Real Canoe), mentres que o Celta disputaría a súa eliminatoria contra ou ben as locais de Laboratorios Ynsadiet Leganés, ou ante Lima Horta Barcelona ou Extremadura Miralvalle Plasencia. Xa que logo, non hai posibilidade ningunha de que se produza un choque fratricida entre galegas e, de conseguir gañar estes hipotéticos encontros, ascenderían ambos os conxuntos.

Comentarios