Balonmán

Duelo entre as xogadoras do Porriño e do Valladolid na Liga Guerreiras

As xogadoras do Porriño recibirán este domingo a visita do Valladolid.
Maider Barros lanzando (Foto: Xoel Gil).
photo_camera Maider Barros lanzando. (Foto: Xoel Gil)

As xogadoras do Conservas Orbe Rubensa BM Porriño terán este domingo a visita do Caixa Rural Aula Valladolid, rival directo na clasificación da Liga Guerreiras na actualidade. O partido terá lugar no Pavillón Municipal ás 18 horas.

O rival das galegas enfrontouse no último partido de Liga ao Gurpea Beti-Onak Azparren Gestion no que perderon por 25-23, un resultado axustado para o equipo dirixido por Miguel Ángel Penas que está quinto na clasificación cun total de cinco puntos.  

Un posto máis abaixo, na sexta posición, está o Porriño con catro puntos no seu marcador persoal. As galegas na última xornada non puideron gañar ao Costa do Sol Málaga nun partido moi rifado, onde as malagueñas impuxéronse pola mínima (27-26). Tras esta semana sen competición, o conxunto porriñés afronta este novo encontro como un reto para recuperarse. 

Vellas coñecidas

O primeiro adestrador das xogadoras galegas, Ismael Martínez, sinala que “é un partido que temos moitas ganas. Despois do parón sempre se afronta con maior motivación”. 

Ambos os dous equipos tiveron moitas ocasións ao longo dos últimos anos de enfrontarse e Martínez recalca que as principais características do aula Valladolid é que “ten as virtudes intactas, é dicir, a transición que che obriga a cometer erros a pesar de cambiar moitas das súas xogadoras”. Ademais, lembra o bo comezo dos seus rivais na liga “empezaron moi ben a verdade e fixeron moi bos partidos sobre todo na súa casa”. Por este motivo o técnico do Porriño agarda que “sexamos capaces de plantarlles cara”. 

Os primeiros postos da liga, empatados a oito puntos, son  o Super Amara Bera Bera, o Rocasa Gran Canaria e o Costa do Sol Málaga.

Comentarios