Duelo de igual a igual entre Celta e Español

O conxunto galego e o catalán contan cos mesmos puntos, vitorias, empates e derrotas
Ignorado de novo por Luís Enrique, os focos da afección celeste volverán estar sobre Iago Aspas no partido ante o Athletic. (Foto: EP).
photo_camera Ignorado de novo por Luís Enrique, os focos da afección celeste volverán estar sobre Iago Aspas no partido ante o Athletic. (Foto: EP).

A Liga de Primeira División leva disputados oficialmente 2.700 minutos distribuídos nun total de 30 partidos, dos que o Real Club Celta de Vigo gañou nove, empatou outros tantos e perdeu 12, exactamente os mesmos resultados asinados polo Español de Barcelona. As diferenzas chegan no número de goles a favor e en contra -a escuadra olívica anotou 34 e recibiu 34, mentres que a periquita marcou un tanto máis, 35, pero encaixou 42- e na forma de conseguir os seus 36 puntos, pois o Celta mantivo unha traxectoria moito máis equilibrada -19 puntos na casa e 17 a domicilio- que un Español que sustenta a súa forza como local, onde logrou 77,7% dos seus puntos.

Este dato inclina a balanza do favoritismo do encontro de mañá (RCDE Stadium, 16.15 horas) lixeiramente a prol dos cataláns, pero, como dicía Gabriel García Márquez, "mentres exista o árbitro, o fútbol será impredicíbel", como poden dar testemuña en Vigo logo das arbitraxes padecidas nas últimas xornadas.

Colexiados a un lado -nesta ocasión o responsábel será Alberola Rojas, con quen o Celta só foi quen de lograr un triunfo en 11 partidos-, a mellor nova será que Iago Aspas estará ás ordes do Chacho Coudet, pois o Comité de Competición aínda non tomou determinación algunha sobre a posíbel sanción do dianteiro de Moaña -que podería estar apartado entre catro e 12 partidos, segundo o artigo 100 bis. do Código Disciplinario da Real Federación Española de Fútbol (RFEF)- polas declaracións sobre González Fuertes, árbitro do partido da xornada pasada contra o Real Madrid-, de quen dixo que "semellaba que quería" que o dianteiro branco Benzema "marcase un hat-trick".

A situación na Primeira RFEF está que arde

Non podemos ofrecer nestas liñas a crónica do encontro que o Club Deportivo Lugo disputou na noite de onte contra o Fútbol Club Cartagena por finalizar fóra do horario de fechamento desta edición -grazas, Tebas-, polo que a terceira categoría, a Primeira RFEF, escala un chanzo no escalafón, mesmo obxectivo que teñen Deportivo da Coruña, Rácing de Ferrol e Celta B, segundo, terceiro e cuarto clasificado, respectivamente, que anhelan o ascenso á Segunda División.

O gran favorito para conseguilo a principios da tempada era o Dépor, e seguía séndoo despois das vacacións de Nadal, mais unha horríbel xeira de xogo e resultados non só apartou os coruñeses da cabeza da clasificación -que ten xa a nove puntos de distancia, aos que habería que sumar o gol average perdido co líder, Rácing de Santander-, senón que mesmo chegou a temer pola súa presenza nun play-off copado case exclusivamente por equipos galegos. 

O seu compromiso de mañá (Lezama, 12 horas) ante o Bilbao Athletic, un conxunto da zona baixa, podería determinar a dinámica herculina no tramo final da tempada, tal e como recoñeceu un Borja Jiménez -adestrador do Dépor- que expresou a súa intención de mellorar o seu rendemento fóra da casa, onde só sumou un punto dos últimos 12 posíbeis.

O seu máis inmediato, perseguidor, o Rácing de Ferrol, tamén se despraza, no seu caso a León, para enfrontarse cunha Cultural (hoxe, 19 horas) que, como o filial albivermello, tamén transita non moi lonxe dos postos de descenso. Con todo, e a pesar de que os Diaños Verdes non gañan en León desde 1994, agarda seguir os pasos de todos e cada un dos equipos situados actualmente nos cinco primeiros postos, que lograron a vitoria con anterioridade.

Iso inclúe un Celta B que regresa a Barreiro tras a festa de Balaídos ante o Dépor para recibir hoxe ás 17 horas o Sanse madrileño, un perigoso conxunto que superou o Rácing hai só dúas semanas.

Comentarios