Duelo de altura no balonmán entre Rocasa e O Porriño

Miden forzas o segundo e o cuarto clasificado
As canarias avantaxan as galegas en só dous puntos. (Foto: Balonmán O Porriño).
photo_camera As canarias avantaxan as galegas en só dous puntos. (Foto: Balonmán O Porriño).

O próximo sábado, 14 de xaneiro (18.30, hora galega), o  Pavillón Insular Antonio Moreno de Telde acolle un enfrontamento entre dous equipos situados na zona alta da Liga Guerreiras, a principal competición de balonmán feminino a nivel estatal.

Trátase do local Rocasa Gran Canaria e do Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño, segundo e cuarto clasificado, respectivamente, que colisionarán nun encontro correspondente á undécima xornada ligueira.

A diferencia da escuadra do sur da Galiza -que non xoga desde o 21 de decembro de 2022-, a insular non tivo unha parada de varias semanas, xa que veñen de perder ante o intratábel líder, Súper Amara Bera Bera, que se impuxo por 30-22.

Ante este compromiso de vital importancia para non perder o tren dos postos de privilexio -Rocasa Gran Canaria avantaxa o Porriño en só dous puntos, pero por detrás axexan Motive Xixón, Balonmán Elxe e Caixa Rural Aula Valladolid-, o preparador do Conservas Orbe, Ismael Martínez, deixou claro na previa do partido que non será unha visita doada.

"Falar de Rocasa é falar dun equipo que ten un dos tres mellores cadros de xogadoras de toda a Liga Guerreiras, sen ningunha dúbida", explicou o técnico galego, quen gabou ás súas contrarias sinalando que "fisicamente son moi fortes, e ademais teñen unha capacidade de lanzamento exterior moi superior ao resto de conxuntos". 

Á hora de analizar a parte máis técnica, Martínez afondou na necesidade de "concentración absoluta" e traballo que esixen este tipo de encontros:  "Imos ter que ser máis equipo, xogar máis como colectivo, porque as súas pivotes teñen moitísimo nivel, e ademais as súas primeiras liñas están ocupadas por mulleres da calidade de Almudena Rodríguez e Marta Mangué".

Compromiso doado para o Cangas na Copa do Rei

A terceira eliminatoria da Copa do Rei de balonmán masculino deparou para o Cangas, único conxunto do país en liza, un rival teoricamente doado, pois terá que enfrontarse co Trops Cidade de Málaga, o único sobrevivinte da División de Honra Prata. De conseguir a vitoria, os do Morrazo obterían o seu boleto para a fase final copeira, programada en Santander do 5 ao 7 de maio e onde xa agardan o vixente campión -Barcelona- e o organizador, Blendio Sinfín.

Comentarios