Dúas galegas no equipo que loitará polo ouro en vela

Tamara Echegoyen e Sofía Toro, integrantes xunta a asturiana Ángela Pumariega do equipo da categoría Elliot 6 de vela, disputaban esta tarde nas semifinais Match Race contra Rusia, nos xogos olímpicos de Londres. Despois dun rifado empate, acadaron a vitoria en Portland.

O trío "Xiquitas Team", con Tamara Echegoyen de patrona, Sofía Toro e Ángela Pumariega na tripulación gañou a terceira regata a Rusia e loitará polo ouro contra Australia, que se impuxo a Finlandia noutra rifada eliminatoria, mañá sábado ás 14.00.

A organización deixou en tres regatas as cinco previstas, por mor da falta de vento, que ameazaba con suspender a semifinal e mesmo obrigou a trasladar a regata do desempate de Weymouth ao interior do porto de Portland.

As coñecidas como "Xiquitas Team', campioas de Europa, e que navegan xuntas desde hai tres anos, remontaron as rusas Ekaterina Skudina, Elena Siuzeva e Elena Oblova, que gañaron a primeira regata con oito segundos de vantaxe. A continuación, Echegoyen, Toro e Pumariega impuxéronse na segunda manga con 14 segundos de vantaxe.

Na terceira, ao paso pola primeira baliza, as 'Xiquitas' atopáronse cunha desvantaxe de 13 segundos por unha penalización, mais remontaron para se poren cinco segundos por diante na segunda e terceira, e concluíndo con oito segundos na meta. No entanto, a vitoria estivo uns minutos no ar debido a unha reclamación do equipo ruso, mais, finalmente, os xuíces desestimárona, polo que España pasa á final do Elliot 6 feminino.

Comentarios