A dúas décimas de máis medallas

Non subiu a conta de metais galegos nos Xogos de Toquio neste 5 de agosto, pero por un pelo. Por menos aínda. Antía Jácome e Carlos Arévalo quedaron a apenas dúas décimas do podio, nun resultado que se traduce en senllos diplomas olímpicos que aumentan o peso dun deporte que non para de dar alegrías.
Saúl Craviotto, compañeiro do galego Carlos Arévalo no K4, entrou por detrás do galego no K1.
photo_camera Saúl Craviotto, compañeiro do galego Carlos Arévalo no K4, entrou por detrás do galego no K1. (Foto: COE).

Que son dúas décimas de segundo? Unha medida de tempo tan pequena que non é suficiente para ler as escasas liñas que van de texto, pero ao mesmo tempo tan grande que pode deixar a dúas deportistas galegas sen a máis que merecida recompensa do podio.

Porque con só 21 anos, Antía Jácome, logo de sufrir para meterse na final vía repesca, rematou en quinta posición a proba  do C1 200 metros, a tan só 0,192 ínfimos segundos da ucraína Liudmyla Luzan. Con todo, a deportista pontevedresa recoñeceu que tería "asinado" ese resultado hai non tanto tempo, e xa pensa en estar presente nos Xogos de París 2024.

 A mesma sorte correu o betanceiro Carlos Arévalo no K1 200, pois completou o percorrido en 35,391 segundos, polos 35,202 do británico Liam Heath. A fortuna para Arévalo é que, a diferenza do que acontece con Jácome, non terá que agardar até dentro de tres anos para resarcirse, pois xa na madrugada desta sexta feira, 6 de agosto, disputa as clasificacións do K4 500 masculino, no que compite acompañado do tamén galego Rodrigo Germade, o catalán Saúl Craviotto -que finalizou en sétimo lugar no K1 200, dous postos por detrás de Arévalo- e o balear Marcus Walz.

A quen lle queda tamén unha bala na recamara é ao porteiro cangués de balonmán Rodrigo Corrales, que se ve abocado a disputar o partido pola medalla de bronce logo de perder nas semifinais ante Dinamarca (23-27), nun encontro no que partiu desde o banco dos suplentes.

Xornada máxica para as amantes do atletismo

O feito de que non quede ningún atleta do país en activo en Toquio non é óbice para gozar da modalidade estrela dos Xogos Olímpicos, e máis nunha xornada como a desta sexta feira, na que se desenvolverán multitude de finais a uns horarios moi adecuados para a afección galega. 

Entre as probas máis atractivas están os 20 quilómetros marcha femininos (9.30 horas), a final dos 5.000 masculinos (14 horas) ou o sempre competido 1.500 feminino (14.35 horas).

Comentarios