DEPORTES

Dúas accións a balón parado acaban co Celta en Getafe

Dúas accións a balón parado acaban co Celta en Getafe

Demasiado fráxil en defensa, especialmente nas xogadas de estratexia, o Celta sumou en Getafe a segunda derrota do curso.

Getafe-Celta
photo_camera Rafinha, acosado por Roberto Lago

O Celta comezou co brío o xogo no Alfonso Pérez e dominou cun fútbol de certa calidade os primeiros 30 minutos. Os de Luis Enrique manexaron ben a bola e até tiveron algunha chegada con perigo. Faltou o de sempre, a puntería, iso que distingue os combos aseados das grandes escadras.

Todo parecía correr ben para os galegos até que chegou un córner ao fío do descanso e un futbolista do Getafe rematou practicamente sen oposición. Comezan a ser preocupantes as dificuldades que teñen os zagueiros celestes á hora de manteren a concentración ao longo dos 90 minutos. Con frecuencia desconectan. En Primeira División, desligar do partido págase caro. En Getafe o Celta pagouno coa derrota.

Unha nova desconexión: gol en contra

Na segunda parte, xa indo a reboque no taboleiro de marcas, o Celta tentou timidamente manter o control do xogo e a posesión da bola. O Getafe limitouse a facer o seu traballo. E a agardar a súa oportunidade. Cedo chegou. No minuto 50. Unha nova acción a balón parado. Unha nova desconexión na zaga viguesa.

Co 2-0 o partido botou o pano. Foron demasiados minutos lixo, con todo xa decidido.

Luis Enrique ten traballo abondo por diante. Na elite non se pode regalar tanto.

Getafe: Moyá, Arroyo, Lisandro (Rafa, min.80), Alexis, Roberto Lago, Borja, Mosquera, Diego Castro (Gavilán, min.75), Sarabia, Pedro León e Miku (Colunga, min.70).

Celta: Yoel, Bellvís (Jonny, min.17), David Costas, Cabral, Aurtenetxe, Oubiña, Madinda, Krohn-Dehli (Álex López, min.73), Orellana, Rafinha (Santi Mina, min.59) y David Rodríguez.

Goles: 1-0, min. 44: Lisandro; 2-0, min.50: Arroyo.

Árbitro: González González, do comité castelán-leonés. Amonestou a Mosquera, Arroyo e Aurtenetxe.

comentarios