Dous entran en Wembley, só un sae

España e Italia batallan por un posto na final da Euro na 'Casa do fútbol'
Os duelos entre españois e italianos son un clásico contemporáneo da Eurocopa, con capítulos recentes nas tres últimas edicións. (Foto: UEFA).
photo_camera Os duelos entre españois e italianos son un clásico contemporáneo da Eurocopa, con capítulos recentes nas tres últimas edicións. (Foto: UEFA).

O estadio de Wembley, un dos maiores templos do fútbol mundial, acolle ás 21 horas de mañá a primeira semifinal da Eurocopa, na que se enfrontarán a selección española e a italiana nun choque que xa é un clásico contemporáneo da competición, pois será a cuarta edición consecutiva na que choquen.

Cun balance favorábel a 'La Roja'  -vitoria por penaltis nos cuartos de final da Euro 2008 e na final en 2012, polo triunfo da 'Squadra Azzurra nos oitavos en 2016-, a estatística non impide que sexan os italianos os que partan como favoritos.

O combinado dirixido por Roberto Mancini superou nos cuartos de final unha das grandes candidatas para o triunfo final, Bélxica, o que lle serviu ademais para rachar co récord de vitorias na Eurocopa, alcanzando a cifra da décimoquinta consecutiva.

Porén, no transcurso do encontro perdeu un dos mellores xogadores no que vai de torneo, o lateral esquerdo Leonardo Spinazzola, quen padeceu unha rotura subcutánea do tendón de Aquiles da súa perna esquerda, pola que terá que ser operado e, por suposto, di adeus á Eurocopa.

Esta noticia, unida á da recuperación do mancado Alessandro Florenzi, leva a que 'Bobby Mac' -como coñecen en Inglaterra o preparador anconitano desde a súa etapa á fronte do Manchester City, a principios da década pasada- realice varios cambios con respecto ao once inicial que escolleu para o choque dos cuartos de final, polo que probabelmente forme con Donnaruma na porta; Florenzi, Bonucci, Chiellini e Emerson atrás; Barella, Jorginho e Verratti no medio; con Chiesa, Immobile e Insigne nos postos de ataque.

Os obrigados cambios de Luis Enrique

Do mesmo modo que Mancini, Luis Enrique tamén introducirá cambios no equipo que superou Suíza. O asturiano non repetiu formación nos 26 partidos que leva á fronte do combinado español, o que unido ao feito do desgaste lóxico tras xogar dúas prórrogas consecutivas -traducido en lesións musculares como a de Sarabia-, fai pensar que pode ser o momento de introducir cambios. Así, ao gardameta Unai Simón se unirían Azpilicueta, Eric García, Laporte e Jordi Alba; Busquets, Pedri e Koke; Ferrán Torres, Morata e Dani Olmo.

Para animalos, a Federación Española de Fútbol organizou unha campaña para mobilizar á afección residente no país británico, pois o Goberno inglés obriga a todo o mundo a gardar unha corentena obrigatoria de 10 días, polo que a presenza de afeccionadas de fora das Illas será residual salvo que, nun grave agravio comparativo, se trate de persoas 'VIPS' autorizadas polo Executivo de Boris Johnson e a UEFA.

Comentarios