Xornada de transistores na Primeira RFEF

Domingo con esencia 'vintage' na terceira categoría do fútbol estatal, na que os tres representantes da Galiza disputan o seu partido o mesmo día e á mesma hora (12), algo moi pouco habitual nestes tempos e que posibilita que as afeccionadas máis nostálxicas saquen do caixón dos trastes o vello e esquecido transistor radiofónico.
Tras o tanto de Miku no '18, o partido de ida entre Deportivo e SD Logroñés, xogado en outubro, os coruñeses deixáronse empatar no minuto 94. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Tras o tanto de Miku no '18, o partido de ida entre Deportivo e SD Logroñés, xogado en outubro, os coruñeses deixáronse empatar no minuto 94. (Foto: RC Deportivo).

Onde van aqueles domingos de fútbol, nos que podían xogarse tres, catro ou cinco partidos ao mesmo tempo! Aquela emoción, trasladada ao gran público de modo irrepetíbel por aqueles programas radiofónicos que alertaban con distintos sinais e conexións ao vivo cos goles e acontecementos máis importantes nos diferentes estadios perdeuse desde que a televisión -coa venia dos responsábeis dos equipos e da competición- impuxese xa hai anos a disgregación horaria dos encontros para evitar o seu solapamento.

Por iso, domingos como o de hoxe son tan especiais, porque aínda que sexan ás 12 e non ás tradicionais 17 horas ofrecerá a oportunidade de revivir aqueles tempos nos que a afección futbolística vivía cun transistor pegado á orella. 

As afortunadas serán as parroquias deportivista, celtista e racinguista, que colidirán contra SD Logroñés -no histórico As Gaunas-, Raio Maxadahonda -Barreiro- e Tudelano -A Malata-, respectivamente.

Co común obxectivo de obter a vitoria ante rivais peor situados na clasificación da Primeira RFEF, no caso concreto do Deportivo o club branquiazul tratará de recuperar sensacións logo do inesperado tropezo ante o Real Unión de Irún e de evitar cometer os erros que o levaron a deixar escapar dous puntos no partido de ida ante os rioxanos, que empataron no minuto 94.

O filial celeste, pola súa banda, quere estender o seu estado de graza coa súa terceira vitoria consecutiva e, se pode ser, mantendo o endiañado ritmo anotador que o converteu no equipo máis goleador da terceira categoría.

Finalmente, os Diaños Verdes, separados por sete puntos dos postos de play-off, están obrigados a gañar xa non para acurtar distancias coa zona nobre, senón para evitar meterse no territorio de perigo, do que semellaba que non tería que preocuparse esta tempada.

Novo rival da zona baixa para o Club Deportivo Lugo

Unha semana despois de empatar co penúltimo clasificado, a Real Sociedade B, o Club Deportivo Lugo recibe no Ángel Carro ás 18.15 outro conxunto vasco, Sociedade Deportiva Amorebieta, que ocupa o primeiro posto de descenso a Primeira RFEF con 25 puntos, 10 menos que os albivermellos.

Os homes de Rubén Albés, consolidados na zona morna da clasificación, son conscientes das "armas" do Amorebieta, pero confían nas súas para "gañar o partido", tal e como afirmou o preparador galego, que fixo un chamamento a contar nas bancadas do coliseo lucense co maior número posíbel de afeccionadas animando os seus homes.

Comentarios