Domingo de Paixón para o Deportivo en Riazor

O deporte rei non para nin en Semana Santa, festividade que permitirán ver desprazamentos masivos de seareiras, tal e como acontecerá no Athletic-Celta e no Ponferradina-Lugo. Fóra da casa tamén xoga -ante o Talavera- o filial celeste, mentres que como locais exercerán o Rácing co Zamora e 
o Déportivo co Dux Internacional.
O Dépor non anuncia grandes fichaxes (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Descartado o liderado e, por tanto, o ascenso directo, o Dépor precisa repetir a vitoria da primeira volta para afianzarse no 'play-off'. (Foto: RC Deportivo).

O fútbol hai moito tempo que deixou de ser un simple pasatempo, até o punto de que para algunhas persoas chega a ser unha relixión, como demostra nos seus estudos Ángel Enrique Carretero, profesor do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Ese compoñente de relixiosidade aumenta nunhas datas tan sinaladas como as actuais, e máis nun contexto como no que está instalado o Real Club Deportivo da Coruña, que logo de dominar con puño de ferro o primeiro tramo da competición, desde principios de 2022 está instalado nunha semella que perpetua crise de xogo e resultados que o levou de encabezar a táboa con seis puntos de vantaxe na xornada 20 -mediados de xaneiro- a estar hoxe a nove do líder e con só  oito puntos de colchón sobre o play-off cando aínda restan oito partidos por disputar.

De aí que lograr a vitoria en Riazor ante o Dux Internacional de Madrid (domingo, 12 horas), un conxunto ao que superou na primeira volta por 2-3 cun gol no último minuto, sexa vital para iniciar a resurrección dun equipo que, consciente de que o ascenso directo é xa unha quimera, precisa de recompoñerse non só pensando en chegar do mellor modo posíbel á fase de ascenso, senón para asegurar a súa presenza nunha rolda eliminatoria que se disputará na Galiza.

O seu rival, a pesar do que indique a clasificación -ocupa o décimo cuarto posto- non será doado de vencer, pois, como se dicía de Julio Salinas durante a súa etapa como xogador branquiazul, é capaz do peor e do mellor, especialmente ante os equipos galegos, pois contra o Rácing rañou un empate, mesmo resultado que obtivo hai apenas dúas semanas ante o Celta B, que xoga mañá ás 17 horas na Mancha ante o Talavera .

Tanto vigueses como ferroláns comparten coa escuadra branquiazul o obxectivo de rematar a tempada en postos de play-off, sendo o primeiro en entrar en acción o conxunto departamental, hoxe ás 21 horas na Malata ante o Zamora do galego Yago Iglesias. Coa salvación a catro puntos, a presión por manter a categoría augura un partido duro para un Rácing de Ferrol que, non obstante, conta co aval do seu fantástico estado de forma, que o levou a non perder nin un só partido desde hai dous meses.

O Celta aspira a recuperar a competitividade en Bilbao

"Semella que non nos estamos xogando nada", dicía Denis Suárez despois da derrota da xornada pasada do Celta ante o Español. Instalado en terra de ninguén, coa salvación practicamente fechada e a unha distancia insuperábel cos postos europeos, o conxunto olívico deberá esforzarse para atopar a motivación necesaria para non acumular derrotas neste tramo final de campaña e reencontrarse coa súa mellor versión, e que mellor escenario que o impresionante Novo San Mamés.

Alí, o Celta ten unha oportunidade desde as 18.30 horas do domingo de espantar pantasmas e fechar en 99% a permanencia na Primeira División a costa do Athletic de Bilbao, para o que, ademais, contará cun amplo destacamento de seareiros e seareiras celestes que se desprazarán até a capital biscaíña aproveitando a festividade de Semana Santa.

'Derbi dos Ancares' entre Ponferradina e Lugo

E se o Celta estará ben acompañado en Bilbao, que dicir do Lugo en Ponferrada, pois 400 persoas contan con entrada para o coñecido como "Derbi dos Ancares" (domingo, 14 horas), ás que se unirán un incontábel destacamento de lucenses que vivirán o ambiente nos bares, cafés e restaurantes da contorna. Non obstante, para o técnico albivermello, Rubén Albés, a esmorga queda fóra do terreo de xogo, pois o da Ponfe "será un partido duro, ante un dos favoritos para o play-off de ascenso.

Comentarios