domingo 29.03.2020

Dolores Calviño, fútbol detrás do fútbol

Pontevedra homenaxeará a Señora Lola, muller que dedicou a vida ao clube granate.
A Señora Lola era, con Monchiño o zapateiro, un símbolo local dun fútbol doutra época. (Foto: Miguel Vidal).
A Señora Lola era, con Monchiño o zapateiro, un símbolo local dun fútbol doutra época. (Foto: Miguel Vidal).

Cando no mundo do fútbol se fala do Xogador Número 12 pode facerse referencia, nun concepto prestado do baloncesto, a aquel que entra desde o banco dos suplentes de forma recorrente partido tras partido, sendo un habitual sobre o céspede a pesar de non ser dos once da partida, aínda que o máis común é referirse ás seareiras e seareiros locais que, co seu apoio incondicional, tratan de arrastrar o seu equipo até a vitoria cos seus folgos.

Non obstante, esa expresión, designificada polo influxo do fútbol moderno e explotada comercialmente polos grandes clubes e marcas fabricantes, xa case non significa nada. Tornou nun meme, como dirían os máis novos, nun mero slogan publicitario para vender camisetas e  recordos varios.

Mais en Pontevedra non. Na Cidade do Lérez, falar do Xogador Número 12 non era facelo dun revulsivo para tratar de remontar un partido, ou dunha masa abstracta, etérea, en forma de folgos anonimizados desde as bancadas. Alí tiña nome, apelidos e até alcume. De muller, concretamente. O Xogador Número 12 era Dolores Calviño, a Señora Lola, tamén coñecida como "a nai de todos os xogadores".

O Pontevedra Club de Fútbol, toda a súa vida

A Señora Lola era a utillera do Pontevedra Club de Fútbol, entidade á que dedicou 40 anos da súa vida. Como destacaba hai uns anos nunha entrevista Modesto Pillado, ex xogador granate, "a Señora Lola non era un operario máis do clube, era a esencia dun Pontevedra que  che empapaba até o fondo, e ela empapouse de tal maneira que case nos consideraba os seus fillos e tratábanos como tal".

Na mesma liña se pronuncia Montse Fajardo, a redactora do programa do Concello de Pontevedra A Memoria das Mulleres, que explica a Nós Diario que Dolores Calviño era "a encargada da lavandaría do clube", e unha persoa "súper entrañabelpara o equipo e para toda a cidade, á que moita xente quería como a unha nai".

Por iso, e co fin de "destacar esa rama de mulleres do común, de perfil obreiro como a Señora Lola, que pode que non fora unha deportista feminina ou unha gran científica, pero era un emblema en Pontevedra", sinala Fajardo, o Concello anunciou a súa intención de homenaxear Dolores Calviño.

Segundo apunta Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio Histórico, desde a corporación teñen a "intención" de homenaxear á Señora Lola. "Era unha muller moi recoñecida en Pontevedra, moi querida pola xente e pola cidadanía, por iso a súa figura está incluída no catálogo municipal A Memoria das Mulleres, e agardamos que no futuro poidamos desenvolver un mural ou algunha outra intervención artística que a teña como protagonista", engade. 

Aínda que polo de agora a localización desa futura obra de arte promovida polo Concello de Pontevedra non está confirmada, agárdase que estea nas inmediacións do estadio de Pasarón, no que tantos e tantos bos e malos momentos vivíu Dolores Calviño, a eterna Señora Lola. 

comentarios