Doce derrota do Obradoiro e pleno de triunfos na LEB Ouro

Breogán e Leyma encabezan a táboa ligueira na categoría de prata
Os de Compostela a piques estiveron de dar a sorpresa ante o Barça. (Foto: Obradoiro).
photo_camera Os de Compostela a piques estiveron de dar a sorpresa ante o Barça. (Foto: Obradoiro).

Boa fin de semana para os equipos galegos de baloncesto de elite, a pesar da derrota (75-78) do único conxunto galego na ACB. O Monbus Obradoiro caeu co Barcelona, un dos 'cocos' do campionato, nun choque no que os homes de Moncho Fernández estiveron a piques de rachar con todos os prognósticos.

Os composteláns eran conscientes da dificultade, da envergadura do reto de tratar de derrotar o Barça de Jasikevicius. Sabían os obradoiristas da necesidade de facer un partido practicamente perfecto e da importancia de traballar ao 110% para minimizar as múltiples virtudes do xigantesco equipo azulgrana e, nun Sar de novo deserto, conseguírono.

A pesar de non poder contar co apoio do público, das baixas e dos problemas físicos, os xogadores locais crecéronse, até o punto de que o Barcelona non puido certificar o seu triunfo até o último segundo de encontro.

Un dos factores chave nun partido que se decidiu por só tres puntos foi a cantidade de tempo que Laurynas Birutis tivo que seguir o encontro desde o banco. As faltas lastraron o xogador referente do Monbus Obradoiro, que non puido contribuír en moitos minutos dun choque que se decidiu nunha xogada moi dubidosa e que os árbitros tiveron que revisar no Instant Replay.

A LEB Ouro, territorio de Breogán e Leyma Coruña

Na última xornada da LEB Ouro o COB Ourense descansou, mentres que tanto Leite Río Breogán como Leyma Coruña conseguiron senllas vitorias, ocupando por segunda semana consecutiva a primeira e a segunda posición na táboa clasificatoria.

A escuadra lucense venceu na casa de Destino Palencia por 65-76 nun encontro descomunal do ala lituano Mindaugas Kacinas, que anotou 15 puntos, colleu 10 rebotes e asinou un 27 de valoración 

Máis emoción tivo o Cáceres Patrimonio de la Humanidad-Leyma Coruña (71-78). A pesar dun inicio excepcional dos laranxas, que finalizaron o primeiro cuarto cun escandaloso 5-20, durante os dous seguintes non foron quen de manter a vantaxe, rematando cun empate a 54 puntos logo do terceiro cuarto. Afortunadamente os galegos, encabezados por Dago Peña, foron quen de reaccionar e acabaron facéndose co triunfo.

Comentarios