Doce derrota (3-0) do Dépor na Youth League no día do 115 aniversario do club

O Xuvenil branquiazul avanza grazas a contar con un colchón de 5-1 do partido de ida.
Manuel Pablo sorrí, satisfeito, despois de avanzar de fase na Youth League (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Manuel Pablo sorrí, satisfeito, despois de avanzar de fase na Youth League (Foto: RC Deportivo).

No día en que o Real Club Deportivo festexaba a efeméride do seu 115 aniversario os rapaces do xuvenil 'A' do conxunto herculino homenaxearon do mellor modo posíbel a máis que centenaria historia branquiazul: conseguindo o pase á seguinte rolda da Youth League, a Liga de Campións da súa categoría.

E fixérono, como non podía ser doutro modo tratándose do Dépor, sufrindo, característica intrínseca á entidade. Porque, a pesar de contar cun comodísimo colchón de catro goles de vantaxe obtidos no partido de ida en Riazor, que finalizou cun 5-1 favorábel á escuadra galega, os israelitas do Maccabi Haifa non quedaron moi lonxe de asinar unha remontada digna de ser inscrita nos libros de récords, pois impuxéronse no partido de volta, disputado onte, por tres goles a cero.

Curiosamente, toda esta perigosa situación para os intereses deportivistas produciuse durante a segunda metade, pois nos primeiros 45 minutos o equipo local non só non foi quen de anotar ningún gol, senón que o Deportivo foi o dominador durante a meirande parte do período.

Porque, e a pesar de estar obrigado a atacar, o preparador israelita, Alon Harazi, optou para sorpresa xeral por unha táctica conservadora, un 5-3-2.

No bando contrario, o preparador do Xuvenil branquiazul, Manuel Pablo, decidiu ser fiel ás súas ideas, formando de inicio cunha variante do 4-2-3-1 que coñece ben da súa etapa como xogador, pois era a empregada por Javier Irureta nos tempos dourados do Súper Dépor.

Moi superiores, os xogadores do Dépor controlaron o balón e mesmo tiveron oportunidades claras para estrear o marcador. Polo contrario, o Maccabi Haifa, a pesar de contar co apoio da súa afección, non foi quen de disparar a porta nin unha soa vez.

Quizais confiados polo visto no primeiro tempo, o Dépor viuse sorprendido no inicio da segunda por uns israelitas revolucionados táctica e animicamente que anotaron o 1-0 (Laish) xa no 49 e o segundo (Elmichly) dez minutos despois.

Con todo, o medo non chegaría até que Razon marcou o terceiro no 82. Afortunadamente, foron capaces de resistir e xa agardan rival na seguinte rolda, que se disputará o 8 de febreiro do vindeiro ano 2022 e que será un dos seguintes equipos: Inter de Milán, Chelsea, Bruxas, Borussia Dortmund e Dinamo de Kiev.

Comentarios