sábado 28/11/20

O Seis do Nadal achégase á elite do baloncesto estatal sen esquecer as súas orixes humildes

Nunha era na que os equipos deportivos son vítimas do desarraigamento en proporcións cada vez maiores, exemplos como o do Seis do Nadal son unha 'rara avis'. Este equipo de baloncesto, fundado por unha ANPA no barrio vigués de Coia en 1983, creceu sen dar as costas ás súas orixes e hoxe conta cun equipo na Primeira División.
As xogadoras do Seis do Nadal celebrando a súa primeira vitoria na Primeira División Nacional. (Foto:Seis do Nadal)
As xogadoras do Seis do Nadal celebrando a súa primeira vitoria na Primeira División Nacional. (Foto:Seis do Nadal)

Do Vigo dos 80 está todo escrito a estas alturas da película, mais o seu legado continúa aberto a interpretacións, positivas ou negativas segundo quen realice a lectura. Unha desas herdanzas que continúan até a actualidade, e que indiscutibelmente se enmarca no seu haber, é o Club de Baloncesto Seis do Nadal.

Fundado en 1983 como unha actividade extraescolar da escola do mesmo nome pola Asociación de Nais e Pais (ANPA) e o saharauí Aalí Mohamed -aínda hoxe vinculado ao equipo aos seus 70 anos-, a súa creación "respondeu á necesidade das familias de Coia de sacar a mocidade das rúas do barrio, que por aquel entón estaban moi castigadas por unha das grandes lacras da sociedade, a droga", explica Sergio González, actual director deportivo do Seis do Nadal e adestrador do conxunto masculino sénior.

Case catro décadas máis tarde, aquel modesto proxecto foi evolucionando e crecendo, até o punto de ser na actualidade a entidade máis grande en canto a estrutura baloncestística da Galiza, sendo asemade a número un en licenzas, cunha cifra que supera as 700. Nese cómputo, máis de 300 corresponden ao deporte federado, no que o Seis do Nadal dispón de 27 equipos integrados por rapaces e rapazas de todas as idades, e entre os que destaca o feminino sénior, que vén de conseguir o ascenso a Primeira División Nacional por primeira na súa historia.

A Primeira, consecuencia do traballo ben feito

"Para un equipo que se estrea nunha categoría o obxectivo é moi claro, trátase de manter a praza", recoñece Sergio Gonzalez, quen a medio e longo prazo aspira a "crecer dentro da mesma, con base no traballo, esforzo e sacrificio das xogadoras, sen pórlles ningún límite pero sen perder o espírito de formación, sempre anteposto á competición, porque o que máis importa é que xogadoras, xogadores e mesmo familias crezan como persoas, aínda que estean en categorías importantes".

De feito, González considera unha situación como a que actualmente está vivindo o equipo senior feminino como "un agasallo, ou mellor dito, unha recompensa, porque quere dicir que as cousas se están facendo ben".

"Eu sempre poño o exemplo comparándonos co Celta, un conxunto especializado no baloncesto feminino. Que nós conseguísemos estar tan só unha categoría por debaixo, mirándoos tan de preto, quere dicir que estamos traballando adecuadamente, dando os pasos correctos, demostrando que se poden combinar nun mesmo club equipos de formación e de competición sen perder a esencia, algo do que nos damos conta cada vez que ollamos para Aalí Mohamed, que personifica ese espírito co que naceu a entidade a principios dos anos 80".

Un conxunto con tradición familiar e obreira que pasa de xeración en xeración

O director técnico do Seis do Nadal, Sergio González, compatibiliza esa tarefa coa dirección do equipo sénior masculino. El é xa un dos veteranos -leva desde 2003 dirixindo o club- dun cadro técnico que inclúe máis de 40 adestradoras e adestradores de diferentes niveis, que ao longo dos anos se reencontra en categorías superiores con nenos e nenas coas que coincidiron nas categorías inferiores.

"Teño xogadores no sénior cos que xa traballei cando tiñan 11 ou 12 anos -apunta González-, e precisamente ese é un dos atractivos do Seis do Nadal como entidade. As familias e as crianzas saben que poden facer carreira aquí, e que os cartos non son un aspecto determinante. Nós aspiramos a contar sempre cunha base de xente que creceu con nós".

comentarios