Gómez Noya e Pablo Dapena retiráronse

Discreta actuación das e dos galegos no Campionato Europeo de Tríatlon

De “discreta”. Así cualificou a Federación Galega de Tríatlon a actuación das e dos deportistas galegos no Campionato de Europa, que se disputou en Xenebra e no que Gómez Noya e Pablo Dapena tiveron que retirarse.

A Federación Galega de Tríatlon informa nun comunicado da actuación “discreta” das e dos deportistas galegos no Campionato de Europa que se disputou en Xenebra (Suíza). E é que na proba sénior, Javier Gómez Noya, que partía como favorito, e Pablo Dapena tiveron que retirarse. Na proba junior, Inés Santiago rematou na posición 25ª e Andrés Cendán na 47ª.

Gómez Noya saíu da auga xa moi atrasado e no inicio da bicicleta sufriu unha caída que o obrigou a cambiar a roda e que lle provocou unha perda substancial de tempo. Na carreira a pé, tanto Gómez Noya como Pablo Dapena pagaron o esforzo realizado e tiveron que abandonar.  Finalmente, David Hauss (Francia) proclamouse campión de Europa cun tempo de 01:52:55, mentres que segundo clasificado foi o suízo Sven Riederer (01:53:13). 

Na categoría júnior tampouco houbo boas novas para o tríatlon galego. Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) rematou na 25ª posición, nunha proba que foi gañada pola alemá Laura Lindemann, que está a participar en probas das Word Series. Na categoría masculina, Andrés Cendán foi 47º, mentres que Ignacio González (andaluz que milita no Arcade Inforhouse de Santiago) quedou na segunda posición, a só un segundo do campión de Europa júnior, o alemán Lasse Lührs. 
 

Comentarios