O CONSELLO VE FRACTURADO O DEPORTIVISMO E PIDE DESCULPAS

A directiva do Dépor admite "erros" na súa xestión após o asasinato de Jimmy

A directiva de Tino Fernández é consciente da fractura no seo do deportivismo e tenta a reconciliación nas horas previas a unha nova final en Riazor (este serán, 20.45 horas, fronte ao Elx).

Tino depor
photo_camera Tino Fernández, presidente do Deportivo

A directiva do Deportivo fai un xesto na dirección de procurar a reunificación do deportivismo, seriamente fracturado após o Consello de Administración ter tomado medidas que foron interpretadas como unha agresión por parte de amplos sectores da afeizón branquiazul.

Non só os riazor blues, mais tamén a Federación de Peñas e até máis 50 colectivos deportivistas criticaron con dureza a xestión após o asasinato de Jimmy realizada polo consello de administración do clube, ao que ven entregado á versión de Madrid -criminalización das bancadas deportivistas en contraste coa morneza fronte aos neonazis do Frente Atlético.

Os colectivos deportivistas chegaron a cualificar de "inhumana" a dirección deportivista por non se pór suficientemente do lado do asasinado e da súa familia.

O consello de administración fechou Maratón Inferior durante dous xogos -expulsando das súas bancadas a 4.000 deportivistas- e respaldou o presidente da LFP, Javier Tebas, por destituír a Augusto César Lendoiro do seu cargo de embaixador por este ter asistido ao sepelio de Jimmy.

A magnitude da fractura

Consciente da magnitude da fractura, e nas vésperas do decisivo encontro de liga desta segunda feira face o Elx (20.45 horas), o Deportivo emitiu este domingo un comunicado para chamar á unidade do deportivismo e pedir "desculpas"  "a todos aqueles deportivistas que por calquer motivo se sentisen molestos polas medidas levadas a cabo durante estes días".

O clube admite a comisión de "erros" durante os días posteriores ao asasinato de Jimmmy, aínda que non os explicita.

No comunicado fálase de "cruel asasinato", recoñécese a "división" que vive o deportivismo e saliéntase que o caso do crime do Manzanares ten aínda "moitos dados por esclarecer".

O chamamento á unidade do deportivismo exprésao así o consello de administración: "Temos unha das mellores afeizóns do país, nela facemos falta todos, e os únicos que non caben son unha minoría de violentos. O resto somos un, o deportivismo".  

Comentarios