Diego Fernández: "As persoas que gustan da competición no parapente sempre son minoritarias"

Se queremos saber algo máis do deporte do parapente na Galiza, ninguén mellor que Diego Fernández Somoza para que nolo explique. A súa paixón por voar non só queda nesa modalidade, tamén practica paramotor e ala delta, ademais de ser xuíz oficial de competición da Federación Galega de Aeronautica.

Diego Fernández practicando o seu deporte preferido (Nós Diario).
photo_camera Diego Fernández practicando o seu deporte preferido (Foto: Nós Diario).

-Como se iniciou no deporte do parapente?

Comecei un pouco por casualidade. A miña primeira intención era facer paracaidismo. Traballaba como socorrista en Ferrol e coincidiu que unha escola que funcionaba daquela fixo unhas prácticas xusto onde eu estaba traballando e vin a posibilidade do parapente. En realidade descubrín que a min o que me gustaba era a posibilidade de voar. Iso si, teño pendente o paracaidismo.

-Que modalidades hai dentro do parapente?

Dentro do parapente hai diferenzas entre as modalidades. Están os voos de distancia, acrobacia, precisión,... basicamente voar. A nivel de competición hai diferentes formatos. O máis habitual é o de distancia ou ‘cross’, que é cando che dan un circuíto de balizas por GPS e tes que facelo no menor tempo posíbel despois do horario de saída. Hai unha serie de condicionantes, como é que os que van por diante teñen unha serie de bonificacións por ser os que abren camiño e dalgunha maneira teñen máis risco de afundirse. Marcan o sitio correcto.

Despois estaría distancia, que sería tirar cara ao lugar que queiras e facer o máximo de percorrido. Tamén tes outro formato de competición, que é o de acrobacia. Consiste en facer unha serie de figuras acrobáticas que se puntúan segundo a súa dificultade. Por último, está o de precisión, que consiste en facer unha diana e tocar no centro da diana o maior número de veces posíbeis. Antes había outra modalidade, que era a de permanencia. Consistía en manterte moito tempo voando e gañaba quen baixaba o último. Sempre remataban de noite e pola perigosidade que tiñan deixáronse de realizar. 

-Como podemos iniciarnos neste deporte?

O mellor é iniciarse con alguén que che ensine, como acontece noutros deportes que teñen os seus riscos. Unha cousa é que sexa perigoso e outra que sexa de risco. No momento en que levantas os pés do chan xa asumes un risco, mais iso non quere dicir que sexa perigoso. Tes que pór os medios para que ese deporte non sexa perigoso. Unha maneira é asumir o propio nivel, ou empregando os materiais adecuados. Tamén hai que ter en conta que as circunstancias meteorolóxicas sexan adecuadas. Despois é importante empregar os materiais adecuados. Sempre hai que ter en conta que ao principio non voarás igual que unha persoa que leva tempo voando.

-Cal é o principal perigo do parapente?

Hai unha serie de indicadores que che din se é ou non un bo día para voar. Tes que mirar as informacións meteorolóxicas e saber interpretalas. Non é como o surf, que vas á praia e ves as ondas que hai. No noso caso as térmicas non se ven. Sabémolo pola forma das nubes, onde están voando os paxaros,... o aire non se ve. Ao meu alumnado sempre lles digo que a miña principal función como instrutor é dicirlles que o día non está para voar. Moitos pensan que estamos para motivar, mais no parapente a xente xa está moi motivada.

-É un deporte moi complicado de practicar?

Non, é un deporte moi sinxelo. En condicións ideais, é moi doado voar. Outro dos problemas é que a xente pode pensar que tirando dunha correa xa pilota un parapente e hai máis cousas. Non chega con pilotar o parapente. Entran outros coñecementos, como son a meteoroloxía, as técnicas en manobras básicas de descenso ou saber aterrar moi ben por se algún día tes que facelo por emerxencia nun sitio pequeno.

-Contamos con moitos lugares onde practicalo?

A Galiza ten uns lugares moi fermosos para poder voar. Para facer distancias, por exemplo, están os de Quiroga ou Baltar. Aquí temos moitas zonas con árbores e tes que ter moito máis coidado cando voas. Ademais, como non contamos con moitas térmicas -as nosas "gasolineiras" onde "cargar" para seguir-, é máis difícil. Pola costa son moi bos, aínda que non fagas moita distancia. É moito máis seguro aprender na costa que no interior. Dependerá do que busques. Se queres a competición, terás que desprazarte e se buscas vistas, tes a costa. Eu non teño lugares preferidos. Cada experiencia é diferente.

-Temos un bo nivel na Galiza en competición?

Polo xeral non hai moita xente que queira competir. A progresión dun parapentista vai por tempadas. A xente que gusta da competición sempre é minoritaria. A maior parte buscamos o pracer de voar. No meu caso a tempada que tiven interese por competir quería voar distancia, que cando participas é máis sinxelo por ter moita xente ao redor e podes seguir a un grupo.

Comentarios