domingo 25/07/21

Diego Epifanio non adestrará o Breogán no seu regreso á Liga ACB

O club anuncia un sorpresivo adeus do burgalés.
O preparador burgalés leva desde 2019 á fronte do conxunto lucense. (Foto: Leite Río Breogán).
O preparador burgalés estivo desde 2019 á fronte do conxunto lucense. (Foto: Leite Río Breogán).

Sorpresa absoluta entre a afección do Leite Río Breogán. Na tarde da terza feira, un comunicado publicado a través das canles oficiais do club anunciaba que Diego Epifanio, un dos máximos responsábeis do regreso celeste á máxima categoría, non será o preparador do conxunto lucense na Liga ACB.

"O Consello de Administración do Club Baloncesto Breogán, representado por presidente, vicepresidente e director xeral, reuniuse esta segunda feira co técnico Diego Epifanio. Comunicouse na xuntanza o acordo do Consello polo que club e adestrador separan o seus camiños, agradecéndolle a contribución e o traballo", indicaron no devandito comunicado.

A directiva xustificou esta medida en que agora é o momento de comezar "un novo proxecto nunha nova categoría" e cun perfil de equipo "completamente diferente".

Por iso afirman "mirar cara adiante", aínda que sen deixar de desexarlle "a mellor das sortes" a Diego Epifanio.

A pesar da consternación entre unha boa parte da afección lucense, que expresou a través das redes sociais a súa sorpresa polo adeus do preparador burgalés, a realidade é que, despois de renovar por unha soa tempada en xuño do pasado ano 2020, o feito de que o Breogán non executara até o de agora a cláusula de renovación automática incluída no seu contrato non era unha boa sinal sobre a súa continuidade.

O seu adeus supón tamén a despedida dun home que encaixou desde o primeiro momento entre uns seareiros e seareiras que valoraron positivamente o feito de que chegara a Lugo en 2019 para facerse cargo dun equipo que acababa de descender á LEB Ouro, así como que renovase en plena pandemia.

Agora, apenas unhas semanas despois de cumprir o obxectivo do ascenso, despídense dun home que sempre soubo que renovar non estaba na súa man. 

Diego Epifanio non adestrará o Breogán no seu regreso á Liga ACB
comentarios