Diego Epifanio: "Os ascensos enriquecen o deporte e fan que as ligas sexan máis fortes"

O proxecto da Superliga de fútbol copou portadas nas últimas xornadas, mais a Liga ACB non é máis aberta que a entelequia de Florentino Pérez. Contra iso loita un Leite Río Breogán que, da man de Diego Epifanio (Burgos, 1978), pretende recuperar o seu lugar na máxima categoría do baloncesto estatal.
O preparador burgalés leva desde 2019 á fronte do conxunto lucense. (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera O preparador burgalés leva desde 2019 á fronte do conxunto lucense. (Foto: Leite Río Breogán).

Tan só lles quedan tres partidos para o final da fase regular, ante Palma, Alicante e Almansa, coa vantaxe, ademais, de disputar como locais o primeiro e o último deles. Como chegan a este último tramo da competición? 

Nós sempre formulamos a liga pensando en ser o mellor equipo posíbel, mais sobre todo centrándonos sempre no próximo rival. E a pesar da vantaxe que indica a clasificación, nunca imos máis alá do seguinte encontro. Logo, xa se verá. Neste grupo os partidos son sempre moi competitivos, e os rivais poden vir de facer un mal partido e logo ser quen de encadear varios triunfos consecutivos, por iso sempre digo que hai que ir partido a partido até o final do torneo.

Móstrase vostede moi prudente, mais o Leite Río Breogán entrou como líder nesta segunda fase e, salvo gran sorpresa, todo apunta que sairá dela tamén como líder. Satisfeito?

Como dicía, o noso obxectivo, a pesar das dificultades que entraña competir nesta liga, é ser o mellor equipo posíbel. Desde o principio fomos primeiros, gañamos a Copa, e agora no segundo grupo estamos manténdonos firmes, mais non hai que confiarse porque o club está facendo un grande esforzo para poder competir e a nosa obriga é dar o máximo, sendo conscientes tamén de que temos unha afección que agarda moito de nós e debemos tratar de estar á súa altura. 

Xa que saca o tema da afección... Que implicacións ten na práctica do baloncesto a súa disputa sen público, ou con esta reducida até a mínima expresión, como vén acontecendo durante os últimos meses?

Primeiro, diría que repercute no comportamento colectivo de todos nós, pois sen público escóitanse moitísimo todos os comentarios a nivel táctico, arbitral... Creouse unha intimidade que antes non había e que hai que saber xestionar. E despois, por suposto, tamén hai que sinalar que, en última instancia, todos os deportistas teñen como obxectivo facer feliz a unha afección, e sen ela sentímonos un pouco estraños, raros. 

O balance final da tempada chegará logo dun play-off de ascenso que disputarán os sete primeiros do seu grupo, xunto co mellor dos que loitan no bloque da permanencia. Que opina deste curioso sistema argallado pola Federación Española de Baloncesto?

Cando o equipo falou comigo da renovación e comezamos a traballar na construción do cadro de xogadores, aínda estaba vixente o sistema que determinaba un ascenso directo e outro por play-off. E logo, cando o Breogán xa fixera os números para sacar o proxecto adiante, e incluso realizado varias fichaxes, vai a Real Federación Española de Baloncesto e, co apoio dos clubs, cambia as normas, pasándose de dous ascensos a un e, aínda por enriba, en formato play-off despois dunha liga regular de dous grupos. Non vale de nada laiarse, mais o de cambiar así as condicións... pois mira, nós, que estamos de líderes, claro que nos gustaría que a liga regular tivese premio, pero o que eu opine dá exactamente igual, o único que podemos facer é centrarnos en ser o mellor equipo posíbel.

Molesta que a un lle cambien as normas a medio partido?

Si, mais a situación polo tema da Covid-19 foi a que foi, con ascensos a LEB e ausencia de descensos en ACB. Hai que entendelo, aínda que para a LEB non foi positivo que só houbese un ascenso. Eu tiven a desgraza de vivir en Burgos a situación de que o equipo non puidese ascender administrativamente en tres ocasións logo de gañalo na pista, e por iso que a esencia do deporte é premiar aos que gañan na pista e castigar aos que non o logran a nivel clasificatorio. Os ascensos e descensos enriquecen o deporte, os clubs, os profesionais, e fan que as ligas sexan máis fortes.

E, xa para rematar, unha derradeira cuestión que non está ligada á actualidade. Vostede ten estudos en Maxisterio. Moncho Fernández, o adestrador do Monbus Obradoiro, é licenciado en Xeografía e Historia. O seu caso non é excepcional, pois hai máis técnicos no baloncesto con formación superior sen unha estrita vinculación co deporte. A que pensa que se debe esta particular circunstancia? 

Todos os que estamos sentados nun banco temos en común que a nosa maior paixón sempre foi o baloncesto, independentemente da categoría.  Logo, evidentemente, cada un percorre un camiño distinto noutras áreas como é a da formación fóra do básquet, porque moitas veces un non pensa que vaia dedicarse profesionalmente a isto. De feito, ese é o meu caso, porque a min cando me ofrecen por vez primeira entrar nun equipo profesional, hai 17 anos nun conxunto de LEB Prata, dixen que non porque non pensaba que fose o meu sitio. Daquela tiña outras inquietudes, e aínda que dedicaba moito tempo ao baloncesto, non pensaba que estivese capacitado para afrontar un reto profesional. 

Hoxe, 17 anos despois, percorrín un camiño tanto en LEB como en ACB que me fai sentir moi orgulloso do conseguido, mais recoñezo que non o agardaba porque o básquet non era a miña primeira opción e pensaba que non sería o meu camiño, pero grazas a Deus e aos grandes profesionais cos que coincidín tiven a gran sorte de poder dedicarme á miña paixón.

Comentarios