O día que Celta e Deportivo uniron forzas

Hai case 100 anos os dous principais equipos galegos conformaron unha selección galega que se exhibiu en Lisboa

O último partido da selección galega até o de agora foi en 2016 (Foto: Nós Diario).
photo_camera O último partido da selección galega até o de agora foi en 2016 (Foto: Nós Diario).

O 29 de xuño de 1930 a selección galega de fútbol volvía á acción contra un rival moi especial: un combinado cos mellores xogadores lisboetas, para disputar un encontro en terras lusas, sendo o que a prensa da época denominou como o ‘III Lisboa-Galiza’.

Disputado no Campo Grande, onde o Sporting de Portugal xogaba os seus partidos por aquel entón, a Irmandiña presentou un equipo de gran nivel, integrado por Isidro, Jiménez, Hermida, Pareditas, Vega, Fariña, Reigosa, Losada, Chacho, Hilario e Polo, que tiveron en fronte Roquete, Pinho, Jorge Vieira, Aníbal José, Oliveira, César, Abrantes Mendes, Jorge Tavares, Silva Marques, Valentim e Cervantes.

Ás 17 horas o balón botaba a rodar, comezando de modo inmellorábel para os intereses galegos, pois no minuto 25 xa gañaba 0-2, con senllos tantos de Losada. Non obstante, antes do tempo de descanso a selección de Lisboa empataba o partido con goles de Tavares, primeiro, e Cervantes, despois, no medio dunha gran polémica arbitral. Tanto é así que a propia prensa local recoñecía que os seus xogadores se viran beneficiados da arbitraxe do portugués Diego Ferreira, e que polo menos o tanto de Cervantes era “dubidoso”.

 Na segunda parte consolidouse a tendencia anteriormente descrita, e os lusos confirmaron a súa vitoria con dous tantos máis, materializados por Tavares e Valentim. Con todo, a imaxe deixada polo combinado do país, nesta ocasión conformado unicamente por xogadores do Celta e do Deportivo, foi inmellorábel, merecendo cualificativos entre os cronistas da época de “equipo poderosos” e destacando xogadores como Losada ou Hilario como “elementos de innegábel valor”.

Comentarios