Dez cancións, e un tema extra, para cantar (ou non) ás portas de #onosoderbi

Cinco temas celtistas e cinco deportivistas. E unha canción extra. De estilos e épocas diferentes. Algúns ben coñecidos e outros, a verdade, non tanto. Para cantar ou apupar, segundo as cores e os gostos de cada quen. Aló imos.

derbi
photo_camera derbi

Falta pouco para un novo Celta-Dépor, #onosoderbi, e non debemos perder de vista que, como todo espectáculo que se precie, fai falla unha BSO, unha banda sonora orixinal. Propoñemos 10 temas, cinco celtistas e cinco deportivistas, para cantar (ou apupar, segundo a canción e a afección) ás portas do encontro.

1) A Roda: Foliada do Celta

Estamos perante moito máis que o himno oficioso do Celta. Un respetiño. Unha desas cancións que soan ben sexa nas gorxas a bruar en Balaídos sexa nesa arte que é o canto acoplado a tres voces dos bos 'chiquiteiros' nos furanchos e tascas. “Díxolle o sobriño ao tío / o entrar en Balaídos...” marca unha canción tabernaria e popular. Case nada, vamos. Aínda que hai quen pensa que A Roda popularizou un tema tradicional, non tal, esta foliada é obra deste grupo de amigos do barrio de Teis, alicerzado no gusto polos furanchos e cantar nas tabernas. Publicouse en 1979, no disco 'Falemos Galego' de A Roda e en pouco tempo fíxose mítica.

2) Cacahué: Rock del Deportivo (Himno)

Poucos retrousos se cantaron tanto nos 90 como ese “Y digo Deportivo / vamos a ganar este partido”. O Himno do Deportivo da Coruña, un rock pegadizo que veu da man do 'Superdépor' e que tivo un gran éxito, tamén alén de Galiza. Os branquiazuis tiñan himno, de 1924, composto por Maximiliano Suarmanoff, mais cos novos aires que o equipo tiña a principios dos 90 optou por se renovar a base de rock. Cacahué, un grupo local, co seu cantante Gandy á fronte foi o responsábel.

3) Keltoi: 1923 (Sempre Celta)

Foi publicada en 2010 no disco 'A nosa cinza', o segundo traballo desta banda, un conxunto xa clásico do punk-oi vigués e galego. Un tema que xa axiña callou entre as fornadas máis novas do club celeste. Membros do grupo son recoñecidos afeccionados celtistas, como o cantante, Sime, un dos pioneiros en dar pulo ao que foi 'Seareiros Galegos'. “

4) Os diplomáticos + Rodri Suárez: “O Son das túas ondas”

O xornalista e poeta Dani Salgado ten escrito que o que foron The Dubliners para os Pogues fórono A Roda para Os Diplomáticos. Perhaps. Porén, Dubliners e Pogues, como bos irlandeses, partillaban paixón polo Celtic de Glasgow, o equipo escocés fundado por emigrantes irlandeses a raíz do 'apartheid' que os protestantes estableceron no Rangers (non podían xogar católicos). A Roda e Os Diplomáticos, como bos galegos, tiran por equipos diferentes.

Se hai un grupo que se pode identificar claramente co Dépor e que ao tempo tamén xera simpatías entre os seareiros celestes é Os Diplomáticos de Monte Alto. Aquí traemos o tema con letra do xornalista e escritor Rodri Suárez, recoñecido e afervoado deportivista, 'O Son das túas ondas', todo un himno de amor e paixón polo Deportivo.

5) Murzidky International: “Alexander Mostovoi”

Tekno-ska eslavo machacante fabricado por un dúo con fasquía de 'malotes' de filmes sobre a mafia rusa. Unha canción de honra ao gran Alexander Mostovoi, unha melodía propia de festa en karaoke mollada en litros de vodka. Tense posto no descanso dalgún partido de Balaídos, con éxito 'asegún' nas bancadas. A letra, iso si, de certo que xera unanimidade entre os seareiros celtistas: “Non deixaba ninguén indiferente / amargaba os rivais coas súas xogadas / eles terán pesadelos sempre co seu nome: / Mostovoi, Mostovoi, Mostovoi!!”. Bótanse en falta unhas ráfagas ao ar de kalashnikovs.

6) La Banda del Camión: 'Depor 100', Himno del centenario

O grupo coruñés, nado no 2000, foi o que realizou esta canción, o himno do centenario do Deportivo da Coruña. No conxunto hai varios integrantes de Cacahué, aquel combo que fixo o inesquecíbel e non superado “Rock del Dépor”, Himno do club herculino.

7) Siniestro Total: Himno do Celta

O grupo vigués (e celtista), que tamén se baila na Coruña. Bon, quizás non este tema. Foi durante unha época habitual nos concertos ao vivo de Siniestro que aparecese o himno oficial do celta, cantado 'a capella' polos membros do grupo. En apoiar ao Celta desde os escenarios, porén, un dos que leva premio é Evaristo, cantante da extinta La Polla Récords e actualmente en Gatillazo. Camisolas do Celta e vivas ao equipo celeste (que mesmo ficaron gravadas en discos ao vivo de La Polla) non eran raras nos concertos deste vasco de Agurain con raíces na Galiza.

8) Os Diplomáticos de Monte Alto: Manda tralla (Oda a Arsenio)

Unha verdadeira Oda a Arsenio Iglesias, o histórico treinador do Deportivo da Coruña. Ascendeu o equipo e baixo a súa batuta este conquistou unha Copa do Rei e dous sub-campionatos de Liga, para alén de desputar por primeira vez competicións europeas. A canción figura no álbum 'Avante toda!' e a letra resume á perfección a 'sapiencia' do de Arteixo, “onde lle aprendeu Arsenio / os recortes ao raposo”. Canción bailada até por celtistas, dou fe.

E se antes falabamos de Evaristo LPR como vasco (de raíces galegas) celtista; non podemos esquecer aquí a Manu Chao, francés (de raíces galegas), deportivista. A camiseta do 'Superdépor' é unha das reliquias que máis mima.

9) Liverpool KOP: 'Iago aspas'

Os seareiros de KOP, a zona máis animada do Anfield, o mítico estadio do Liverpool FC, onde Aspas militou entre 2013 e 2014, cantábanlle desde as bancadas ao galego diversas cancións. Disque dunha delas, empregando a música de 'Rock the casbah' dos nunca ben alabados The Clash, saiu este vídeo inclasificábel. Iso si, letra corta, directa e que o dí todo: “We really like him... Iago Aspas!”.

10) Manu Martorell: “Dépor, yo te quiero”

Nas redes tamén abundan as cancións compostas por afeccionados e siareiros. Como esta de Mani Martorell, que fixo en 2013 e que en só un mes tivo máis de 13.000 reproducións.

Extra: Balada de Cachamuíña y María Pita (Siniestro Total)

“Tú serás del Celta / Yo del Deportivo / Rías Altas, Rías Baixas / Ourense y Lugo al mismo son / Cachamuíña y María Pita / Ron, ron, ron, la botella del ron”. Siniestro compuxo esta canción de irmandade viguesa-coruñesa a maior gloria de Galiza. Tópicos, alcohol, fútbol e cachondeo para un tema que saiu publicado no disco 'De Hoy no pasa' (1987). Moito se cantaba nesa época, meu deus, moito. 

Comentarios