venres 30/10/20

Dez anos de fútbol gaélico na Galiza

Poucos deportes tiveron unha progresión tan grande, en tan pouco tempo como o fútbol gaélico na Galiza. Fillas de Breogán, o equipo da Coruña que introduciu a súa práctica, está de aniversario. Por agora non hai festa pública pola situación sanitaria, mais merecen unha lembranza desde Nós Diario.
Fillas de Breogán campioas Shield Europa 2019 (Fillas de Breogán)
Fillas de Breogán campioas Shield Europa 2019 (Fillas de Breogán)

Conclúe setembro, mes de celebración do décimo aniversario do equipo coruñés de fútbol gaélico Fillas de Breogán, e con el a chegada deste deporte a Galiza. Botando a vista atrás, e cos éxitos conseguidos por este deporte que xa conta con dúas ligas en activo e mesmo cun campionato mixto, os inicios poden semellar algo próximo ao realismo máxico. Era o ano 2010 e unha viaxe a Irlanda trouxo a idea á Coruña.

"A ocorrencia foi cen por cen de Wenceslao García", explica a Nós Diario Martín Fernández, voceiro do equipo coruñés e membro fundador. Relata como a través de carteis en determinadas tabernas da cidade nas que había afección pola "música celta" e co complemento das redes sociais xurdiu a convocatoria para crear un club de fútbol gaélico.

 "Fomos a cegas aquel día e na reunión Wenceslao expuxo o proxecto, xa tiña as cores e o deseño do escudo que votara a xente nas redes sociais", relata Fernández. En outubro dese mesmo ano comezaron a adestrar coa presenza de tres irlandeses (Peter, Declan e Gerry) para darlle forma ao proxecto e o primeiro partido foi en 2011. 

De xogar fóra a ter liga galega propia e selección

Malia que o nome oficial para os efectos de rexistro na Asociación Atlética Gaélica (GAA) é A Coruña Gaelic Athletic Association ou A Coruña GAA abreviado, tal e como figura nas camisolas, o nome empregado sempre foi Fillas de Breogán. "Partimos duns primeiros anos moi complicados nos que competiamos fóra da Galiza por non haber máis equipos galegos", relata Fernández, "era un esforzo económico e persoal moi grande, adestrabas todo o ano para catro partidos", engade. Fillas de Breogán viaxaba a cidades como Barcelona, Madrid, Valencia e Sevilla para xogar con equipos moi experimentados, na maior parte con irlandeses nativos, polo que os resultados non acompañaban. 

A situación mudou a partir de xuño de 2011 cando entraron as mulleres no equipo e formaron un equipo feminino. "Foi un punto de inflexión importante", recoñece Fernández, até mesmo asegurar que na actualidade "as mulleres son o primeiro equipo".

Outro momento importante para o equipo e para o fútbol gaélico galego foi a organización en 2012 dun partido da selección contra Breizh en Narón. Nese encontro, que rematou con vitoria galega, case a totalidade de xogadores formaban parte de Fillas de Breogán. A visibilidade dese partido serviu para que comezasen a xurdir equipos en diferentes vilas e cidades como A Estrada, Pontevedra ou O Grove. "Nacen tamén equipos femininos e en 2015 xa había dúas ligas e case se compite cada fin de semana na Galiza e fóra", lembra o voceiro do club. 

Os éxitos deportivos chegaron, como no caso do equipo feminino, que foi quen de conseguir todo un subcampionato de Europa diante dun club que levaba dez anos sen perder, ademais de tres campionatos ibéricos consecutivos, algo que que ningún equipo galego conseguira. Fillas de Breogán segue a participar tamén da selección nacional que conta xa cun grande historial de vitorias.   

Fútbol gaélico e pandemia 

Como consecuencia da pandemia da Covid-19 en Fillos de Breogán son conscientes de que a celebración non poderá ser como imaxinaban. "Estamos á expectativa do que aconteza", asegura preocupado Martín Fernández. E non é para menos. Os equipos de fútbol gaélico están dentro da Federación Galega de Fútbol para entrar na Lei de Deporte e contar cun seguro obrigatorio que, doutra maneira, sería moi difícil de conseguir.

"Dependemos dos protocolos que nos marquen e, polo que sabemos, temos que xogar con máscara e bucal, algo imposíbel para nós", asegura o portavoz do equipo. Polo de agora a competición desta tempada aínda non está planificada mais hai equipos que xa adestran, como o Auriense F.G. e o Keltoi de Vigo con fórmulas que eviten o contacto. "Traballan a nivel individual e así non asumen riscos", afirma Fernández.

As propostas de realizar probas PCR a todas as xogadoras e xogadores son inviábeis para todos os clubs que hai na Galiza. "Somos equipos modestos con pouca base económica e sen profesionais". O fútbol gaélico, na Galiza, deberá agardar.

comentarios