Un escándalo sacode os cimentos do Comité Olímpico Australiano (COA). Thomas Craig, mediocentro da selección masculina de hóckey sobre herba do seu país, foi sorprendido na noite da terza á cuarta feira intentando comprar cocaína no IX distrito de París, segundo informaron esta cuarta feira fontes policiais.
Craig foi liberado cunha advertencia despois de comparecer na Prefectura da capital francesa e non se presentaron cargos, apuntaron desde o COA. "Quero pedir desculpas. Cometín un terríbel erro e asumo todas as consecuencias", dixo, en declaracións recollidas pola BBC.
"As miñas accións son miñas e de modo ningún reflicten os valores da miña familia, dos meus compañeiros de equipo, dos meus amigos, do meu deporte ou da selección olímpica australiana. Avergoñeinos a todos. Síntoo moito", engadiu o xogador olímpico.
Australia, con Craig no equipo, foi prata en Toquio 2020 —perdeu a final con Bélxica— e caeu nestes Xogos en cuartos de final fronte a Países Baixos por dous goles a cero.