París 2024 | Piragüismo

Despedida accidentada de García e Ouzande, que non puideron rematar a final B do K2 500 após envorcar o caiac

Marchan cun diploma no K4 500 que capitaneou Teresa Portela.
Carolina García e Sara Ouzande, após envorcaren esta sexta feira. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera Carolina García e Sara Ouzande, após envorcaren esta sexta feira. (Foto: AFP7 / Europa Press)

Cun décimo sexto posto no K2 500 despedíronse dos Xogos Olímpicos de París a pontevedresa Carolina García e a asturiana —con licenza galega— Sara Ouzande. Esta sexta feira non conseguiron nas semifinais meterse na loita polas medallas e acabaron competindo nunha final B na que empezaron moi fortes pero que non puideron concluír, pois o seu caiac envorcou a poucos metros da meta. Esta quinta feira foron sextas, e polo tanto diploma olímpico, na final A do K4 500 canda a canguesa Teresa Portela e a estremeña Estefanía Fernández.

Sabían que non sería doado meterse na gran final nunha modalidade na que non chegaban coa preparación e a ambición do K4 500, máis aínda tendo en conta que dobraban nestes Xogos co desgaste que iso supón, enfrontándose a dúas novas regatas despois da final da quinta feira e as clasificatorias dos días anteriores. Pero aínda así fixeron un bo papel nas semifinais ficando a menos de catro décimas do caiac de Hungría, o último que conseguiu o billete á final A como cuarto clasificado.

E na que era xa a súa derradeira regata en París, a da final B que enfrontaba as oito parellas que non conseguiran coarse na loita polas medallas —e polo tanto quedaban sen diploma—, saíron a por todas para despedirse para facer un último esforzo e voltar á Galiza coas mellores sensacións posíbeis. Pasaron primeiras no primeiro corte dos 250 metros —moi perto, iso si, das súas inmediatas perseguidoras—, pero nos últimos metros, a piques xa de cruzar a meta, a súa embarcación envorcou.

"A nivel persoal non foron tres anos moi bos", confesaba esta sexta feira unha Sara Ouzande visibelmente afectada na zona mixta após despedirse dos Xogos cun final amargo que non fai xustiza aos méritos que fixo para chegar a París. A asturiana, que compite con licenza galega, desprazouse ao país, lonxe da súa familia, para preparar un K4 500 coa canguesa Teresa Portela, a estremeña Estefanía Fernández e a pontevedresa Carolina García que viña cunhas expectativas moi altas e que non conseguiu finalmente a ansiada medalla —foron sextas e levaron diploma—.

Comentarios