'DesLIGAte', a denuncia en prensa da violencia machista no deporte galego

A prensa deportiva especializada continúa a invisibilizar a situación da muller e dos equipos femininos na Galiza. Desta idea parte a publicación 'DesLIGAte', da Universidade da Coruña, que verá a luz en papel para o mes de marzo. A súa  crítica vai máis alá e toca o papel que teñen as federacións e os clubs.   
Xogadoras do Brigantias Roller Derby A Coruña, un equipo que naceu en 2012 (Ederon Körst)
photo_camera Xogadoras do Brigantias Roller Derby A Coruña, un equipo que naceu en 2012 (Foto: Ederon Körst)

Son numerosas as iniciativas que buscan visibilizar a muller na nosa sociedade e un dos eidos no que, se cadra, facía máis falta, era o deporte. Por este motivo a oficina para a Igualdade de Xénero e a Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña (UdC) pensaron encaixar nunha publicación de prensa propia o retrato actual da situación que viven as nosas deportistas.

A proposta recollérona no mes de novembro, coincidindo co Día Internacional contra a Violencia Machista, as entidades Atalaia Social e Arabías Sociedade Cooperativa Galega, coordinadoras do proxecto. Non obstante, non será até este mes de marzo, por cuestións relacionadas coa pandemia da Covid-19, que verá a luz DesLIGAte, impresa e distribuída por todo o campus universitario coruñés. 

Prensa deportiva e violencia machista 

"A idea foi traballar as violencias machistas que se reproducen no deporte, mais tomando a estética e a linguaxe da prensa deportiva común", explica a Nós Diario unha das responsábeis da publicación, Beatriz López. No proxecto son críticas cos medios deportivos habituais por reproducir "titulares que invisibilizan o papel das mulleres e que perpetúan valores sexistas ademais de continuar coas barreiras de xénero para as mulleres deportistas", sinala.

Para a súa confección crearon un consello de redacción e procuraron a colaboración de entidades como a asociación de Mulleres Deportistas Galegas (Mudega) e medios de comunicación especializados, coa participación de As Nosas. A modo de "xogo" introduciron contido feminista para "dar voz ás mulleres que están practicando deporte agora na Galiza e chegan moi alto, traspasando todas as barreiras e os obstáculos".

Federacións e clubs silencian a situación

Unha das conclusións á que chegaron desde este proxecto foi que a grave situación pola que pasan as deportistas galegas implica toda a sociedade e, no terreo puramente deportivo, as federacións e os clubs. "Hai un obstáculo que é persoal, que deriva tamén do proceso de socialización e de educación no que estamos inmersas desde nenas e que ten moita incidencia na práctica deportiva", explica López, "como comezamos a practicar deporte desde pequenas afecta á construción do papel que nós desenvolvemos no deporte", engade. 

Desde o equipo coordinador  do proxecto non dubidan da responsabilidade que teñen as federacións e os clubs. "Exercen un papel invisibilizador que reproduce desigualdades, tanto a nivel económico como a nivel de recoñecemento, ademais de verse en moitas ocasións como silencian casos de violencia sexual moi flagrantes que suceden no deporte", asegura López. Por este motivo, agardan coa distribución da publicación impresa "crear no alumnado do campus unha conciencia feminista sobre o que está pasando no deporte no día a día".

Experiencias en deportes diversos

En DesLIGAte reuniron artigos de análise con entrevistas moi variadas coa idea de tocar moitos deportes e experiencias.  Nesta publicación, que será de número único sen continuidade, falan a consultora feminista especializada vasca Ainhoa Azurmendi, sobre o ámbito deportivo, e a investigadora Manuela Vázquez Coto, en relación aos espazos de xogo e a súa ocupación polos nenos e o fútbol.

Pon voz explicando as súas experiencias as xogadoras de Brigantia Rollers Derby, a atleta Paula Mayobre, a corredora de rallys Ruth Ortega, a patroa de traiñeiras Carme Veiga, a xogadora de fútbol gaélico Raquel López ou a karateka Cristy Tojo. A publicidade é testemuñal, non remunerada e busca tamén visibilizar os equipos.

Comentarios