Desigual final da primeira volta para o fútebol de elite galego

Concluíu a primeira volta quer na liga de Primeira quer na de Segunda División. As tres equipas galegas fixérono de xeito desigual, embora, no balanzo xeral, vaian cumprindo polo de agora os seus obxectivos.

Unha vitoria, un empate, unha derrota. Ese é o saldo que deixa a xornada de liga para as equipas galegas de elite. O Celta pon terra de por medio sobre os postos do descenso. O Dépor continúa como líder e o Lugo non sae da xeira negativa.

Dous goles do punta brasileiro Charles, explosivo o segundo, propio dun dianteiro moi cualificado, selaron a vitoria dun bon Celta perante o Valencia en Balaídos. A equipa viguesa deu remontado un gol en contra e por unha vez combinou unha eficaz distribución da bola -marca da casa- con capacidade de desequilibrio nos metros finais.

É a quinta vitoria da equipa de Luís Enrique nos 19 primeiros capítulos do campionato, que ve concluída así a primeira volta. O Celta totaliza 19 pontos, co que promediaría 38 ao final da liga. Dado como están as cousas por abaixo (o Valladolid marca a liña de demarcación entre a Primeira e a Segunda, con só 16 pontos, 3 menos do que o Celta), semellaría suficiente para voltar a safar, o obxectivo co que os vigueses defrontan o torneo.

Oportunidade desbaldida

En Riazor, o Deportivo desbaldiu unha nova oportunidade para afirmar a súa lideranza. Cedeu dous novos pontos, perante unha das equipas máis frouxas da liga. Os de Fernando Vázquez acusaron as baixas de máis. A definitiva de Culio, rumo a unha liga con abundantes petrodólares, e a felizmente provisoria de Luisinho, condenado ás bancadas por acumulación de cartóns.

Curiosa traxectoria a do líder da Segunda División. Nos últimos 4 xogos, o Deportivo colleitou tres empates (2 en Riazor, o de Jaén) e unha derrota (en Eibar). Porén, non só non cedeu a lideranza, senón que mesmo a reforzou. Isto é indicativo de dúas cousas: a extrema igualdade da categoría e a debilidade dun líder que a estas alturas só suma 26 pontos (após ter sido batido xa en 6 ocasións e ter igualado até 5 encontros).

Sen enrocarse atrás

Voltou a caer, por súa parte, o Lugo, desta volta no campo do Mirandés (2-0). A xeira de maos resultados comeza a ser preocupante. O Lugo mantén algunha das súas sinais características, o bon trato ao balón, a intención de non enrocarse atrás, mas ten perdido a óptima relación coa portería contraria que mostrou nos primeiros xogos do campionato.

O Lugo é decimocuarto na clasificación, con 27 pontos, só 2 pontos por enriba da fronteira coa Segunda División B.

Comentarios