O Desafío Volta a Lugo congrega centos de ciclistas nun marco incomparábel

Desde a sexta feira e até o domingo ten lugar o Desafío Volta A Lugo, unha proba cicloturista por etapas que percorre as comarcas de Lugo, acumulando 400 km de distancia e 7.000 metros de desnivel.

ciclismo
photo_camera Inicio da etapa da sexta feira

A sexta feira comezou o Desafío Volta a Lugo, unha nova edición da primeira volta cicloturista por etapas que ten lugar na Galiza, unha proba de individual na que a resistencia é o factor clave. Nesta ocasión, a volta divídese en tres etapas que discorren polas comarcas de Lugo e que acumulan unha distancia de 400 km e uns 7.000 metros de desnivel positivos.

Trátase esta dunha recreación dunha volta cicloturista profesional impulsada pola Área de Deportes da Deputación de Lugo que, a través da organización, o Clube Ciclista Cidade de Lugo, fornece os mesmos recursos e medios que no caso de se tratar de ciclistas profesionais, “sen dúbida isto fará que se logren todos os obxectivos propostos e que os participantes e acompañantes gocen duns días de puro ciclismo”. “E como di o noso slogan que todos os participantes queiran volver noutra ocasión”, sinalan desde a organización.

As tres etapas

A volta ás comarcas de Lugo desenvólvese nun marco incomparábel que atravesa percorridos fermosos en portas de montaña de gran categoría e outros tramos de chairo pola Terra Chá. Así, na primeira das etapas, os corredores e corredoras atravesaron os 87,3 km que separan Lugo de Muras. Pasaron por Friol, Parga, Xermade e o Alto da Paidavella.

Na xornada deste sábado, os e as ciclistas percorren os 117,3 km entre Muras e Sarria. Pasan por Vilalba, a Feira do Monte, Xermar, Mosteiro, Altos de Montecubeiro, Castroverde, O Corgo e Láncara. E na derradeira etapa, a que se desenvolve mañá, as persoas participantes cubrirán 128 km entre Sarria e Lugo. Pasarán por Becerreá, Navia, Alto do Restelo, Alto do Lago, Baralla e O Corgo.

O Desafío Volta a Lugo compleméntase co Desafío Junior, unha serie de probas de habilidades e destrezas para crianzas de entre 2 e 13 anos e que ten lugar na zona de chegada de cada unha das etapas.

Comentarios