O desacougo dos atletas é 'culpa' de Lucas Pérez 

A Federación de Atletismo chama a atención sobre o plan para mudar a herba natural do Estadio Universitario da Coruña por céspede artificial, que deixarían a cidade sen unha instalación para acoller eventos atléticos de alto nivel. A Universidade, que xa acordou renovar as pistas do anel, e o Concello, que busca novos espazos para o fútbol despois de entregar un campo da Grela a Estrella Galicia, din que inda non hai plan.

Estadio de atletismo da Universidade da Coruña
photo_camera O anel sintético da pista será renovado proximamente

A culpa foi de Lucas Pérez, dirán algúns. “A nos tocounos a lotaría”, di o presidente do Victoria, o club de fútbol modesto que criou a Lucas. O Victoria presume de 22 equipos, máis de seiscentas licenzas, nenas e nenos, porque hai oito anos comezaron cun conxunto de mulleres e hoxe xa son cento vinte rapazas. Ao Victoria C. F., que viste de branco e negro e ten a súa sede social no barrio das Flores, explica Juan Vázquez, o presidente, non lle tocou a lotaría, en realidade cobrou 1 por cento do traspaso de Lucas ao Arsenal segundo contempla a normativa da FIFA para promover o fútbol base. Douscentos mil euros.

Lucas Pérez, que xogou até os quince anos no Victoria, que nuns días fará 29 e onte mesmo regresou ao Deportivo (desta non haberá lotaría), marchou para o Arsenal hai un ano desbordando as arcas do modesto club no que nacera. 

Os cartos do fútbol crearon un efecto inesperado, un problema no atletismo. 

Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo, nas pistas de Elviña.“Na Coruña criáronse deportivamente cinco lanzadores que foron atletas olímpicos”, recorda Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo, que foi velocista, e moi bon. "Mais agora os plans para Elviña impedirán que se poida lanzar aquí, mesmo que se poidan realizar campionatos estatais ou eventos internacionais porque o estadio ficaría invalidado para iso. Non afecta só os lanzadores, afecta  todos os atletas, e hai case mil federados na cidade e na comarca que usan esta instalación”.

O problema do atletismo é que o Victoria C.F. decidiu que non se ían volver tolos cos cartos do traspaso de Lucas Pérez e que investirían en mudar a herba natural do Estadio Universitario por un céspede artificial para poder usar o campo “todo o ano, full time, os 365 días; non só nós, tamén os do rugby e os do gaélico”, argumenta Juan Vázquez. E a idea do Victoria pareceulle fantástica a Universidade da Coruña. A UDC costea o mantemento das instalacións, e un campo de herba natural esixe moitos mimos e cartos que xa non hai. E tamén o Concello da Coruña pensou que, agora que vén de recualificar un campo de fútbol na Agrela para a expansión de Estrella Galicia, estaría ben abrir o campo das pistas de Elviña full time porque na cidade hai miles de futbolistas, nenos e nenas, moitos máis que atletas, e moitos soñan con ser o próximo Lucas Pérez.

O Victoria utiliza o campo do Estadio Universitario hai oito anos, xusto cando comezaron co fútbol feminino. Adestran as quintas feiras. E queren ampliar o horario. A Universidade, o propio reitor, Xulio Abalde, anunciou en maio que asinara un convenio co Concello e coa Deputación para afrontar a renovación do anel das pistas –unha demanda que os atletas levaban meses facendo– coa intención “de as abrir á cidadanía”. E mesmo anunciou que a UDC promovería “clubs de atletismo” porque a achega da Deputación (200.000 euros) e do Concello (300.000) eran moi xenerosas.  

O problema do atletismo é outra vez o fútbol. Séntense vítimas. Porque o alcalde Francisco Vázquez decidira sacar as pistas de Riazor e nunca cumpriu a promesa de facerlles un estadio para eles. “Non se precisa moito para poder aspirar a organizar eventos estatais e internacionais, unhas bancadas con certo aforo e unhas pistas en condicións”, sinala Hornillos. As de Elviña non o están, mais vanse renovar. Serven para adestrar, pero non para competir. Medio millóns de euros para o novo material sintético. O plan é cambiar o anel. Iso está decidido. E o seguinte é cambiar o céspede. O Victoria (despois de pasar por Facenda) porá 150.000 euros, o resto correrá (outro tanto) a conta do Concello e da Universidade. Pero nin o Concello nin a Universidade queren dar explicacións. A resposta é a mesma: “Non imos comentar algo que inda está en estudo”. 

As catro partes teñen bos argumentos. Pero hai dous bandos, e só unha instalación. Un dos bandos sairá perdendo. “Somos xente do deporte, non só do fútbol, e queremos o mellor para todos”, di Juan Vázquez, “puidemos volvernos tolos e fichar xogadores para subir de categoría, ou comprar un local social máis grande, pero decidimos que aquele cartos servisen para a nosa actividade social, o Concello dixo que si, a Universidade que si… non queremos que isto se converta nunha guerra entre o fútbol e o atletismo porque non o é”.

Zona de lanzamento de disco e martelo no Estadio de ElviñaJuan Vázquez aceptou un convite “a un café” con Hornillos. Falaron. “Falamos e díxenlle cal era a miña perspectiva. Estamos poñendo na balanza a celebración de eventos atléticos, un ou dous día ao ano, contra a posibilidade de usar as instalacións todos os días”, conta Vázquez. “E díxenlle que se mañá lanzan unha petición para o atletismo ter unhas instalacións dignas, eu son o primeiro en asinar”. “Falamos”, di Hornillos, “e expliqueille que os prexudicados non serán só os lanzadores, serán todos os atletas, que a cidade ficará sen o único estadio que pode acoller unha gran competición”.

O problema do atletismo e do fútbol sempre é o mesmo. O diñeiro. A Federación de Atletismo non dispón de ningunha instalación propia en todo o país. Utiliza as pistas municipais ou universitarias. Na provincia da Coruña xa perderon as pistas de Santiago. Fican as de Ferrol e Ribeira, e as de Bastiagueiro, en Oleiros. Para elas ollan todos agora. “Non serven para o que estamos pedindo, non teñen bancadas”, recorda Hornillos, que falou co Victoria e co reitor, “non coñecía o problema que nos ían causar as reformas do céspede, semella que é sensíbel coa postura do atletismo”, mentres segue esperando por unha reunión co departamento de Culturas do Concello. “A cousa está parada, pero este verán non collín vacacións na Federación”, conta Hornillos, “se non levantamos a voz agora, ben axiña podemos toparmos cunha decisión que volte a prexudicar ao atletismo”.

Lucas Pérez, feliz no regreso, alimenta soños de futbolistas adolescentes, moi lonxe dos problemas do atletismo. E mentres, o reitor medita se cartos ou fair play e o concelleiro pensa se paga a pena aproveitar a oportunidade de compensar o fútbol sen desatender, outra vez, o atletismo.

Nota: As fotos inseridas no meio do texto, da autoría de E.D., son: (1). Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo; (2). Zona de lanzamento de disco e de martelo no Estadio de Elviña

Comentarios