Derrotas de Celta e Deportivo nunha xornada sinistra

Os vigueses dominaron ao Eibar en Balaídos, pero non puideron marcar (0-1). Os coruñeses caeron non Calderón ante o Atlético (2-0) nun gris encontro xogado baixo a sombra do estado crítico dun seareiro do Dépor atacado por ultras.

Balaídos
photo_camera Balaídos

Derrotas dos dous representantes galegos na Primeira división do fútbol estatal, onde o Celta caeu por cero tantos a un en casa ante o Eibar e o Deportivo por 2-0 ante o Atlético en Madrid. Ambos encontros, moi especialmente o dos branquiazuis, estiveron marcados por circunstancias extra-deportivas

Na noite do venres, o Celta dominou, tivo decenas de ocasións pero non puido nin puntuar ante o Eibar, o modesto equipo vasco que está a chamar a atención durante o seu debut na categoría. O bo papel da zaga do conxunto visitante, sobre todo do seu porteiro, Irureta. Un tanto nunha contra, obra de Manu, chegoulle ao Eibar para construír unha muralla e sumar tres puntos ante un Celta que puxo todo en ataque, pero segue perdendo forza en canto a resultados. 

O encontro de Balaídos tivo polémica ante o feito de que grupos de seareir@s, como a peña Celtarras, non respectaron o minuto de silencio pola policía que faleceu tiroteada durante un atraco en Vigo, nalgúns casos ao considerar que supón un trato de favor en relación a outras mortes. O club emitiu unha nota de prensa de condena. 

Pola súa parte, no Vicente Calderón o Atlético venceu 2-0 a un gris Dépor nun encontro que puido suspenderse após un ataque de ultras locais a seareiros do Dépor dos Riazor Blues, cun deles en estado crítico. Porén, o partido xogouse. 

Malia algún bo momento en defensa no primeiro terzo -tres centrais puxo Víctor- os coruñeses amosaron de novo unha imaxe triste, sen nada que achegar na combinación ofensiva. Os goles de Saul e Ardá deixan aos branquiazuis afundidos na táboa, aínda que o fútbol quedou en segundo plano logo dos feitos que tiveron lugar preto do estadio.

Comentarios