mércores 20/01/21

O derbi vigués entre Celta B e Coruxo abre a Segunda División B en 2021

A Segunda B está de volta case un mes despois de que o Celta B asaltase Riazor no derradeiro encontro de 2020 e, casualmente, será o filial celeste quen abra a primeira xornada de 2021, nun duelo ante o Coruxo. Salamanca-Compos, Pontevedra-Guijuelo, Rácing-Unionistas e Zamora-Dépor son os outros choques con participación galega.  
Os Celta B-Coruxo son partidos con moita historia que, co tempo, tornaron en auténticos clásicos da categoría de bronce. (Foto: RC Celta).
Os Celta B-Coruxo son partidos con moita historia que, co tempo, tornaron en auténticos clásicos da categoría de bronce. (Foto: RC Celta).

A causa dos impropios horarios para o fútbol estabelecidos por Javier Tebas non podemos ofrecer nesta páxina o resultado do Celta-Villarreal que comeza ás 21 horas da noite de hoxe, pois no momento do fechamento desta edición aínda estaba en xogo.

Afortunadamente, a Segunda División B é un pouco máis racional neste eido, e todos os partidos da primeira xornada da categoría de bronce que se disputará neste 2021 están previstos para o domingo, como é tradicional no fútbol.

O filial celeste será o encargado de abrir xogo, en Barreiro contra o Coruxo, nun derbi vigués que ten moita historia ás súas costas, até o punto de estar considerado como un auténtico clásico da Segunda B. 

Tanto polo feito de xogar como locais como polo reflectido pola clasificación, o Celta B debería ser favorito, mais podería contar coas baixas de varios dos seus xogadores máis importantes, caso de Alfon, Holsgrove, Lautaro, Carreira, Fontán ou Iago, reclamados por Eduardo Coudet para reforzar as filas do primeiro equipo ante o Villarreal.

Non obstante, a súa participación no encontro ante o Coruxo está en mans de Onésimo Sánchez, pois o regulamento da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) estabelece que "estará permitido que un futbolista dun mesmo clube xogue en dúas competicións, sempre que estas se disputen en días diferentes".

Duplo enfrontamento galego-salmantino

O calendario deparou un duplo enfrontamento entre equipos galegos e salmantinos na xornada nove de Segunda B. O primeiro deles será o Salamanca-Compostela, previsto para ás 16 horas de mañá e no que os da capital parten como teóricos favoritos, pois o conxunto charro está inmerso nunha fonda crise institucional e deportiva que o sumiu no fondo da táboa con só tres puntos.

Porén, farían mal en confiarse os galegos, como destacou o lateral compostelán Sergio Pereira: "Ficharon varios xogadores, teñen adestrador novo, e todo iso provoca que non saibas moi ben que clase de equipo te vas atopar enfronte".

O segundo choque que implica escuadras galegas e salmantinas é o Rácing de Ferrol-Unionistas. Os Diaños Verdes reciben ás 17 horas na Malata o líder da categoría co obxectivo de sumar tres puntos que os enganchen definitivamente á zona alta da clasificación e, de paso, diminuír a desvantaxe que teñen co primeiro clasificado. 

Ao mesmo tempo, e a pouco máis de 150 quilómetros de alí, está previsto que teña lugar o Pontevedra-Guijuelo, no que os do Lérez tratarán de continuar co magnífico nivel exhibido esta semana na Copa do Rei, onde a piques estiveron de eliminar a todo un Primeira como é o Cádiz. 

Finalmente, o Deportivo fechará a xornada ás 17.30 en Zamora, nunha cidade onde a Axencia Estatal de Meteoroloxía non descarta precipitacións en forma de neve e temperaturas que dificilmente superaran os cero graos no mercurio.

Ademais das complicacións propias do frío, que xa padeceu nas instalacións da Cidade Deportiva de Abegondo durante esta semana, Fernando Vázquez terá que asumir outra baixa a causa da Covid-19 entre as súas filas, a segunda esta semana, que se une ás xa coñecidas de Uche Agbo, Miku, Galán, Derik, Bóveda, Héctor Hernández e Claudio Beauvue, estes tres últimos mancados no recente choque copeiro ante o Alavés.

O Lugo quere volver á senda da vitoria

A semana futbolística galega finalizará na segunda feira, co partido que enfronta o Lugo co Sabadell. Os de Nafti teñen ante un dos últimos clasificados da categoría unha boa opción para resarcirse da dolorosa eliminación na Copa do Rei.

comentarios