Derbi pola primacía galega da Primeira Federación entre Rácing de Ferrol e Deportivo

PREVIA DA XORNADA FUTBOLÍSTICA DA FIN DE SEMANA | O derbi galego entre Deportivo e Rácing de Ferrol acapara a atención nunha xornada futbolística que tamén trae consigo un amigábel do Celta co Vizela; un partido do seu filial ante a Cultural; un Pontevedra-Raio Maxadahonda e outro derbi, neste caso o dos Ancares, entre o Club Deporitvo Lugo e a Ponferradina.
O duelo do ano pasado en Riazor entre os branquiazuis e os Diaños Verdes rematou con resultado gafas, 0-0. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O duelo do ano pasado en Riazor entre os branquiazuis e os Diaños Verdes rematou con resultado gafas, 0-0. (Foto: RC Deportivo).

Os dous equipos mellor situados na clasificación da Primeira RFEF, Rácing de Ferrol e Deportivo da Coruña, enfróntanse mañá ás 19 horas en Riazor nun derbi galego ao que chegan en momentos ben diferentes a pesar de estar separados por tan só catro puntos nunha táboa na que ocupan o cuarto e o quinto posto, respectivamente.

Os ferroláns, que foron sólidos líderes durante o primeiro tramo da liga, pasaron desde o 22 de outubro até o 27 de novembro sen coñecer a vitoria, un mes funesto no que caeron fóra dos postos de play-off após sumar tan só dous puntos de 18 posíbeis.

Non obstante, o triunfo da pasada fin de semana ante o Pontevedra en Pasarón iniciou unha resurrección que confirmou na xornada intersemanal ante o Linares, o que lle permite afrontar o derbi en mellores condicións que un Dépor sumido nunha crise que parece non ter fin.

Porque a contratación de Óscar Cano en substitución do destituído Borja Jiménez logo da sétima xornada non solucionou ningún dos moitos problemas que manteñen o club lonxe dos mellores da categoría, e se co preparador abulense sumaba 1'71 puntos por partido, a media co nazarí apenas ascendeu a 1'75, unha leve melloría que non serviu nin sequera para manter a distancia co líder Córdoba, que pasou de seis a 10 puntos.

Despois do último fracaso, a pasada terceira feira co Badaxoz, Cano descolgouse cunhas declaracións que no sempre hermético mundo do fútbol habitualmente quedan intramuros, criticando os seus homes na rolda de prensa e dicindo que era a ocasión en que "peor xogara" un dos seus equipos na totalidade da súa carreira.

No caso dunha hipotética derrota, moi probabelmente o Deportivo abandonaría de novo os postos que dan dereito a disputar a fase de ascenso e Óscar Cano quedaría moi tocado, podendo producirse un relevo mesmo antes do Nadal. O ciclo sen fin dunha crise deportivista que dura xa máis de 11 anos.

Pola súa parte, os outros dous representantes da Galiza na Primeira Federación afrontan os seus compromisos sen tanto drama, aínda que o Pontevedra encara un partido que pode ser vital ante un Raio Maxadahonda (Pasarón, mañá, 17 horas) co que está empatado a 14 puntos na zona de descenso. Con respecto ao filial do Celta, este abre as hostilidades contra outro equipo da zona media da táboa, Cultural Leonesa, hoxe ás 17 horas en Balaídos.

Partido a porta fechada do Celta ante o Vizela

O primeiro equipo celeste tamén xogará hoxe, aínda que ás 12 horas, o seu segundo amigábel programado no marco da pre tempada invernal que está desenvolvendo. Ao contrario do primeiro -ante o Boavista-, o seu choque co Vizela portugués -décimo terceiro na Liga Nós- será a porta fechada, polo que todas aquelas persoas que desexen seguir as evolucións dos seus ídolos terán que recorrer á canle de Youtube do club.

Presión para o Lugo no 'Derbi dos Ancares' 

Sen apenas días para recuperarse psicoloxicamente da dolorosa derrota na casa e cun home máis que lle inflixiu o Sporting de Xixón, o Club Deportivo Lugo encara o coñecido como derbi dos Ancares cunha Ponferradina (O Toralín, mañá, 16.15 horas) tan necesitada de puntos como os albivermellos, pois ambos comparten posicións de descenso con 18 puntos.

O Dépor feminino busca gañar para liderar

Despois de fracasar no seu intento de asalto ao liderado na última data, o Deportivo, único galego na segunda categoría feminina estatal, intentará conseguilo de novo mañá ás 12 horas en Abegondo a costa dunhas cordobesas moito máis feble que as galegas. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios