Derbi galego entre Obradoiro e Breogán cun ollo posto na Copa

Un triunfo lucense certificaría o soño copeiro

O Breogán, a saír da zona baixa (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera O Breogán, a piques de fechar a entrada na Copa (Foto: Leite Río Breogán).

O gran derbi galego na máxima categoría do baloncesto estatal dispútase hoxe ás 20 horas no Sar entre Monbus Obradoiro e Leite Río Breogán con algo máis que un partido en xogo, pois un triunfo visitante certificaría a clasificación dos lucenses para unha Copa do Rei que se levará a cabo na localidade andaluza de Granada a partires do 17 de febreiro.

Non obstante, incluso caendo  derrotados  ante os seus veciños da capital, os da Cidade da Muralla poderían lograr unha praza no torneo do KO, pois unicamente unha xigantesca carambola, como que Baskonia levantase os 61 puntos de desvantaxe que ten cos galegos no 'basket average', ou Gran Canaria fixese o propio con 101, algo que rozaría o nivel de milagre.

Estaba previsto que este fose o primeiro encontro no que ocupase o banco do Breogán o seu novo técnico, o croata Veljko Mršić, ex seleccionador do seu país, home con máis de 15 anos de experiencia como adestrador e responsábel do debut no baloncesto de alto nivel da gran estrela celeste e -probabelmente- o xogador máis en forma de toda a ACB, Džanan Musa. Lamentabelmente, deu positivo nun test de antíxenos e atópase illado no seu domicilio, polo que será Oriol Comas quen desenvolva este labor.

O catalán puxo en valor na rolda de prensa previa ao partido o nivel dun Obradoiro que situou no 'Top-3' de conxuntos "cun xogo máis dinámico da categoría", así como as individualidades de xente como Robertson. O seu homólogo compostelán, Moncho Fernández, fixo o propio cos seus rivais, pero manifestou o sen anhelo en ter "máis fame" de vitoria que o Leite Río Breogán.

Comentarios