Derbi sen favorito na elite do balonmán entre Guardés e O Porriño

Cara a cara do máis igualado entre os representantes da Galiza na Liga Guerreiras.
A escuadra guardesa suma catro partidos consecutivos sen perder, mesma xeira que acumulaba a porriñesa até perder co Málaga. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera A escuadra guardesa suma catro partidos consecutivos sen perder, mesma xeira que acumulaba a porriñesa até perder co Málaga. (Foto: Atlético Guardés).

O último derbi da tempada na Liga Guerreiras Iberdrola, a máxima categoría do balonmán estatal, xógase hoxe ás 20.30 horas no Pavillón Municipal do Porriño entre a escuadra local e o Mecalia Atlético Guardés, que será retransmitido en directo pola canle oficial de Youtube do Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño.

O encontro estaba previsto para a súa disputa o pasado mes de febreiro, pero debido á aparición dunha serie de casos de Covid-19 no cadro persoal do Guardés tivo que ser aprazado.

Agora a situación de ambos os equipos é ben diferente, comezando por un Guardés que vén de esmagar con extrema contundencia o fechacancelas da Liga, Zonzamar Cicar Lanzarote (38-16), triunfo que o sitúa no quinto posto da táboa con 28 puntos.

Pola súa parte, o Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño, que disputou un partido menos que o Mecalia, sumou até o de agora 16 puntos que o sitúan na décima posición, lonxe do descenso, pero tamén dunha cabeza da que perdeu o tren tras caer a semana pasada na casa terceiro clasificado, o sempre difícil Costa do Sol Málaga (21-27). 

A pesar desa superioridade na clasificación xeral do Guardés, o feito de que O Porriño xogue ante o seu público e que a principal característica de ambos os bloques sexa a irregularidade, xera un escenario de incertezas que remite ao precedente máis inmediato, o partido da primeira volta da Liga Guerreiras na que o Mecalia Atlético Guardés venceu comodamente no Pavillón da Sangriña por un resultado de 33-22.

O técnico do Conservas Orbe Rubensa, Ismael Martínez, manifestou na rolda de prensa previa ao encontro a súa intención de que o conto sexa radicalmente distinto neste partido de volta: "Chegamos nun bo momento, polo que pensamos que este será un partido diferente e moi ilusionante, un derbi que levamos esperando moito tempo, sobre todo porque, como nos pasou en Málaga a pasada semana, no partido de ida non estivemos á altura, así que a todas nos gustaría que se pareza máis ao que gañamos na Copa Galiza". 

A Galiza sufre no Estatal de base

Luces e sombras para as seleccións galegas que están representando o país no Campionato de España de Balonmán por Territorios. 

A noticia máis positiva foi o pase a semifinais da Irmandiña infantil masculina, logo de vencer Madrid por 29-2 na rolda de cuartos de final. 

O outro combinado galego que logrou avanzar até a penúltima eliminatoria foi o xuvenil feminino, mais non podemos ofrecer o resultado do seu duelo ante Euskadi nestas liñas por finalizar fóra do horario de fechamento desta edición.

O resto de representantes do país caeron eliminados prematuramente, algúns de modo especialmente doloroso, como foi o caso da selección infantil feminina. A pesar do seu teórico favoritismo, unha inesperada derrota con Canarias, seguida doutra ante Nafarroa, deixouna fóra do torneo.

A cadete feminina tamén está eliminada, logo de perder pola mínima (17-18) ante o combinado de Euskadi, pagando uns nervios que se traduciron nun parcial en contra de 4-0 nos últimos intres que resultou vital para o devir do encontro. 

Comentarios