A Deputación de Pontevedra tributa os conxuntos femininos de elite

Farto, Guardés, O Porriño, Poio e Marín, os grandes protagonistas.
Recepción no Pazo Provincial, esta terza feira. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Recepción no Pazo Provincial, esta terza feira. (Foto: Deputación de Pontevedra)

"Un acto de recoñecemento, de agradecemento e de orgullo". Así definiu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a recepción que a institución realizou aos clubs de elite femininos no Salón de Plenos do Pazo Provincial. 

No escenario congregouse unha ampla representación destes equipos formada por Lorena Pérez, capitá do Atlético Guardés; Mica Casasola, xogadora do Club Balonmán O Porriño; Ana Rivera, xogadora do Poio Pescamar de fútbol sala; Sabela Rey, ciclista do Team Farto-BTC de ciclismo; e Silvia Aguete, xogadora do Club de Fútbol Marín Futsal e mellor porteira do mundo en 2019. Alí debateron sobre "os retos e logros" que teñen por diante as mulleres no deporte.

No acto, ao que tamén asistiron directivas e adestradoras dos equipos, Carmela Silva manifestou o seu "orgullo" polos éxitos que están a acadar estas escuadras femininas, lembrando que para chegar a este éxito as mulleres "tiveron que loitar durante séculos". 

Debatiuse sobre "os restos e logros" que teñen por diante as mulleres no deporte

A presidenta destacou o "exitazo" e a "fazaña" que acadaron esta pasada fin de semana as xogadoras do Club Balonmán Atlético Guardés ao proclamarse subcampioas da Copa da Raíña, antes de expresar a súa preocupación "porque haxa tan poucas adestradoras e directivas na elite do deporte, así como na organización das competicións", o que impulsou á Deputación a crear unha liña de axudas para a formación de técnicas adestradoras en distintas modalidades. 

Pola súa parte, a palabra máis repetida pola xogadoras dos clubs de elite femininos da provincia foi "grazas", pois todas elas puxeron en valor tanto as achegas económicas que reciben da Deputación como a homenaxe levada a cabo no Salón de Plenos, o que, como dixo Lorena Pérez, non quita que quede "moito camiño por percorrer".

Comentarios