A Deputación de Pontevedra apoiará os clubes deportivos

Gorka Gómez reafirma o compromiso do ente
O deputado de Deportes, Gorka Gómez. (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera O deputado de Deportes, Gorka Gómez. (Foto: Deputación de Pontevedra).

O deputado de Deportes de Pontevedra, Gorka Gómez, mantivo durante a xornada de onte sete xuntanzas telemáticas con máis dun cento de clubs de diferentes modalidades nas que lles trasladou o seu "apoio nesta situación tan complicada" e o seu "compromiso" en  axilizar a tramitación de todas as subvencións "para que poidan cobrar en moi pouco tempo desde que presenten as xustificacións".

En total, Gómez reuniuse virtualmente con 136 equipos, 20 de balonmán e baloncesto, 24 de fútbol e fútbol sala, 11 de ciclismo, 27 de piragüismo e 25 equipos de vela e remo, ademais de con 14 clubes de elite e 15 que compiten noutras modalidades de ámbito estatal como son o atletismo, o bádminton, o béisbol, os bolos, o rugby, o taekwondo, a natación, o voleibol  e a ximnasia rítmica.

O deputado de Deportes explicou logo das devanditas xuntanzas que "moitos clubes están a ter problemas de liquidez por mor da perda de ingresos, polo que hoxe lanzamos unha mensaxe de que, no que atinxe ás subvencións da Deputación, poden contar con nós, pois non só mantemos as axudas, senón que as incrementamos e, ademais, imos pagalas antes".

A este respecto, o ente provincial informou de que durante 2021 o monte total destinado ás subvencións deportivas pasarán de 1.917.500 a 2.028.000 euros, o que representa un aumento de 6%.

En canto aos prazos, o seu obxectivo é "que todas as axudas estean transferidas e ingresadas nas contas dos clubes en poucos días desde que presenten as xustificacións de gastos requiridas nas diferentes convocatorias".

Dúas liñas de axudas

A Deputación de Pontevedra estrutura as subvencións para o deporte en dúas grandes liñas, formadas polas axudas nominativas aos clubes de elite, que compiten nas máximas categorías estatais, e as subvencións en concorrencia competitiva, que se dividen, á súa vez, en tres grandes grupos: os equipos que compiten en categorías estatais; os deportes náuticos; e o apoio aos 600 equipos que non están en competicións regulares, pero participan en eventos deportivos.

Ademais, tamén destina 325.000 euros ás bolsas DepoDan e DepoPromesas para deportistas de elite, unha partida "que subiu en 8,3%".

Comentarios