A Deputación da Coruña destina 1,5 millóns ao deporte

Subvencións para entidades deportivas sen ánimo de lucro e a organización de grandes eventos
Cristina Capelán, deputada de Deportes. (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera Cristina Capelán, deputada de Deportes. (Foto: Deputación da Coruña).

A Deputación da Coruña inviste 1.550.000 euros "para dar apoio" ás entidades deportivas sen ánimo de lucro na organización de grandes eventos e na participación de equipos e deportistas en competicións nacionais e internacionais.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar as bases destas subvencións, a través das que o ente provincial busca "promocionar a actividade deportiva, promocionando o deporte de base e as competicións de alto nivel".

Así pois, a Deputación inviste 1.050.000 euros para apoiar clubes deportivos con equipos ou deportistas que participen en competicións federadas de ámbito estatal ou internacional. O obxecto deste programa é "financiar os gastos derivados da súa participación en competicións oficiais federadas", explican.

Entre os deportes apoiados figuran o atletismo, baloncesto, balonmán, béisbol, duatlón, fútbol, fútbol sala, halterofilia, hockey, kayac polo, rugby, tenis de mesa, traíñas, voleibol, triatlón e deportes náuticos, aínda que só poderá solicitarse unha subvención por modalidade deportiva e categoría.

Por outra banda, a Deputación da Coruña tamén destina 500.000 euros para financiar "eventos de gran repercusión no territorio", tanto a nivel deportivo como social e económico. As contías dirixidas ás diferentes entidades poderán oscilar entre un mínimo de 6.000 euros e un máximo de 70.000 euros, e permitirán sufragar gastos como a compra de bens destinados á actividade, material para protexerse da Covid-19, transporte ou publicidade, entre outros.

Como requisitos para presentar un proxecto están que o evento figure incluído no calendario de competicións oficiais e que cada entidade presente só unha iniciativa.

A deputada responsábel da área de Deportes, Cristina Capelán, destacou a importancia de programas como estes á hora de "impulsar equipos e deportistas da provincia, dando apoio ao deporte galego nas diferentes categorías e disciplinas para situalo na vangarda".

As solicitudes a ambas as axudas deberán presentarse de modo telemático a través da plataforma Subtel da Deputación e o prazo para facelo determinarase no anuncio de publicación da convocatoria deste programa no BOP da Coruña.

Comentarios