A Deputación da Coruña dedica 1,5 millóns ao deporte

105 clubs e 26 eventos benefícianse das axudas.
A deputada de Deportes da Deputación coruñesa, Cristina Capelán. (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera A deputada de Deportes da Deputación coruñesa, Cristina Capelán. (Foto: Deputación da Coruña).

A Deputación da Coruña destina preto de 1,5 millóns de euros para impulsar o deporte. Faino a través de tres liñas de axuda que permitirán dar apoio aos clubs e entidades deportivas coruñesas na organización de eventos, no impulso de iniciativas que fomenten a actividade física e na adquisición de equipamento e mellora de infraestruturas. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a concesión provisional destas subvencións, que ao sumarse alcanzan un total de 1.495.380 euros.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destacou que estas achegas "apoian a centos de clubs para que a provincia da Coruña continúe á vangarda do deporte galego" e que "supoñen un apoio importante para que sigan desenvolvendo a súa actividade, tanto no fomento do exercicio físico, como no adestramento dos seus e das súas deportistas nunhas condicións axeitadas para avanzar na súa carreira deportiva", sinalou.

"As subvencións para eventos tamén permiten situar á Coruña como referente en diversas disciplinas a través de campionatos estatais e internacionais de diferentes disciplinas deportivas", engadiu a deputada de Deportes

Grandes eventos deportivos singulares

O ente provincial dedica un total de 598.153 euros ao impulso da organización de eventos deportivos singulares. As entidades beneficiarias desta liña recibirán entre un mínimo de 8.497 euros e un máximo de 35.000 euros a través de ditas achegas, que favorecen o desenvolvemento de iniciativas en ámbitos como o do automóbil, o ciclismo, a hípica, o surf, o baloncesto ou o voleibol, entre outros. Por exemplo, o Rally Terra da Auga-Camiño de Santiago, Equiocio, a Abanca Pantín Classic ou a XIX Volta Ciclista á Provincia da Coruña son só algúns dos 26 eventos deportivos que este ano contan co apoio da área de Deportes da Deputación.

Fomento da actividade física e o deporte

Un total de 105 entidades recibirán 448.160 euros de achega provincial para o fomento do deporte nas diferentes disciplinas. A través destas axudas financiaranse iniciativas como torneos e probas deportivas, programas para a mocidade, eventos ou xornadas escolares.

Comentarios