A Deputación da Coruña crea uns novos circuítos de xadrez e de golf

Ambos os eventos congregarán máis de 300 persoas
O xadrez é un deporte para todas as idades (Foto: FEX).
photo_camera O xadrez é un deporte para todas as idades (Foto: FEX).

A Deputación da Coruña vén de anunciar a publicación das bases dos primeiros torneos de xadrez e de golf organizados pola institución provincial en colaboración coas respectivas federacións destas disciplinas deportivas.

Deste modo, co I Torneo Open Internacional de Xadrez Deputación da Coruña a institución continúa "coa súa aposta pola promoción do deporte na provincia", segundo indicou a deputada de Deportes, Cristina Capelán. 

Este evento terá lugar do 4 ao 11 de setembro na localidade de Sada, e máis concretamente no Hotel Mariña Sada ou no Pavillón Municipal da localidade. A inscrición -que é de balde e poderá realizase a través da páxina web oficial da competición- estará aberta a calquera xogador ou xogadora que conte con licenza deportiva até un máximo de 200 persoas.

Con respecto aos premios, repartiranse un total de 13.050 euros,  distribuídos en 2.250 para o gañador ou gañadora, 1.500 euros para o segundo clasificado e 1.200 euros para o terceiro. 

Por outra parte, a área de Deportes da Deputación anunciou que tamén está traballando na organización do I circuíto de golf Pitch & Putt, que se desenvolverá en diferentes sedes e datas: A Coruña (setembro), Paderne (outubro), Boiro (novembro) e Oroso (decembro). 

No referente a esta proba, poderán participar todas as persoas empadroadas en calquera concello da provincia que conten coa licencia federativa, até un máximo de 54 parellas e 108 xogadoras en categoría scratch, hándicap, hándicap sénior, hándicap damas e hándicap infantil. 

A inscrición pode realizarse na Federación Galega de Golf até a quinta feira previa á realización de cada xogo, dos que se informarán as datas concretas con antelación.

Comentarios