A Deputación da Coruña concede bolsas de 3.500 euros a 45 deportistas

Axudas para competir a nivel nacional e internacional en disciplinas deportivas olímpicas.
hipica_galega
photo_camera A hípica é un dos deportes practicados polos deportistas que foron merecedores das bolsas (FHG)

A Deputación da Coruña concederá este ano 45 bolsas, de 3.500 euros cada unha, destinadas a deportistas da provincia que destaquen en competicións federadas a nivel nacional e internacional. Alén de premiar o esforzo e a excelencia, o ente provincial quere colaborar co colectivo para que poidan desenvolver "todo o seu potencial, ter acceso á mellor preparación e competir ao máis alto nivel".

"As bolsas para deportistas da Deputación pretenden ser unha axuda para que estas mozas e mozos continúen coa colleita de éxitos para o deporte coruñés", asegurou o presidente provincial, Valentín González Formoso.

Tamén a deputada responsábel da área de Deportes, Cristina Capelán, salientou a importancia destas axudas "para apoiar o traballo diario" dos deportistas da provincia e darlles a oportunidade de continuar participando en competicións do máis alto nivel.

O importe destinado a bolsas para deportistas incrementouse nos últimos anos, pasando de 30 de 2.500 euros ás actuais 45 de 3.500 euros. Ademais, ampliouse tamén o rango de idades, permitindo que os deportistas de entre 24 e 30 anos poidan participar na convocatoria.

Disciplinas olímpicas

As bolseiras e bolseiros da Deputación deben practicar un deporte que pertenza a unha das disciplinas olímpicas, e a concesión baséase no seu historial deportivo e nos resultados obtidos en competicións nacionais e internacionais, así como no proxecto deportivo presentado para a tempada actual. 

As axudas divídense en tres categorías, en función da idade dos solicitantes, 15 en cada unha delas: o Grupo A (de 12 a 17 anos), o Grupo B (de 18 a 23) e o Grupo C (de 24 a 30). Entre os deportistas merecedores das bolsas hainos de tiro con arco, piragüismo, halterofilia, surf, taekwondo, judo, vela, atletismo, natación, tenis de mesa, loita, hípica ou remo.

Comentarios