A Deputación da Coruña apoia a organización de probas deportivas

O ente destina un millón de euros a esta causa.
O Baxi Ferrol é o equipo maís beneficiado desta liña (Foto: FEB).
photo_camera O Baxi Ferrol é o equipo maís beneficiado desta liña (Foto: FEB).

A Deputación da Coruña destinará un millón de euros para apoiar a organización de competicións federadas de carácter estatal e internacional. Así vén recollido no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do día de onte, onde se publica a resolución provisional das subvencións correspondentes ao ano 2023.

Deste modo, a Deputación achegará 1.011.742 euros a un total de 130 clubs, cantidade que podería aumentar até 136 se as entidades que teñen condicionada a recepción das axudas entregan en tempo e forma a documentación requirida.

O obxectivo deste programa, destacan desde o organismo promotor, é "financiar os gastos derivados da participación en competicións oficiais", poñendo en valor que as achegas "oscilan entre os 2.000 e os 61.550 euros.

Abranguen modalidades deportivas como tríatlon, hóckey, fútbol, ximnasia rítmica, atletismo, baloncesto, piragüismo, fútbol sala, rugby, karate, halterofilia ou natación, tanto en categoría feminina coma masculina".

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, salientou a importancia deste programa "para seguir impulsando as e os nosos deportistas nas diferentes competicións, colaborando no seu progreso deportivo e promocionando o deporte". 

Club Universitario de Ferrol (61.550 euros), Viaxes Amarelle Fútbol Sala (32.635), SD Compostela (24.084) ou Club Noia Fútbol Sala (36.942) son algunhas das entidades que máis se beneficiaron desta liña de subvencións no 2023.

O Balonmán na Rúa ten novo campión 

A Copa 5x5 Deputación da Coruña Balonmán na Rúa baixou o pano con Abegondo como gran protagonista, xa que o conxunto da comarca coruñesa foi o campión tanto na categoría benxamín como na alevín.

Comentarios