O Deportivo volve estar en pé de guerra

A crise deportiva e institucional volve chamar ás portas do Dépor logo de caer ante o filial do eterno rival na última xornada de 2020 na Segunda B. O ano tampouco remata ben para un Pontevedra goleado polo Coruxo, mentres que Compostela e Rácing de Ferrol empataron con Zamora e Guijuelo, respectivamente.
Fernando Vázquez acabou o encontro desolado... e expulsado. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Fernando Vázquez acabou o encontro desolado... e expulsado. (Foto: RC Deportivo).

O delirante calendario da Liga de Fútbol Profesional de Javier Tebas impídenos abrir este resumo da fin de semana futbolística galega coa crónica do Celta-Cádiz de hoxe, pois o partido programado para fechar a xornada 13 da Primeira División rematou ben alén das 23 horas da noite, por enriba do horario de fechamento desta edición.

Mais aínda no hipotético escenario de derrota ante os gaditanos, á afección celeste non se lle borrará o sorriso provocado pola vitoria do Celta B ante o Deportivo da Coruña en Riazor (1-2).

Os branquiazuis son, por historia, orzamento, e teórico nivel do cadro de xogadores, os máximos favoritos de cara a lograr o ascenso de categoría, pero esta dolorosísima derrota resucitou unha inestabilidade que xa parece crónica no conxunto herculino.

Se até o de agora, con maior ou menor sorte, o Dépor foi obtendo resultados positivos a pesar das críticas dun sector da afección sobre o nivel de xogo e o conservadurismo dun Fernando Vázquez ao que acusan de non interpretar o fútbol acorde á dimensión do Deportivo no contexto da Segunda B, a derrota ante o filial do Celta sacudiu o sempre revolucionado avespeiro branquiazul, aumentando esa fractura entre o equipo e unhas afeccionadas que denuncian a falta de ambición dos seus tanto dentro como fóra do campo.

Non contribúen a deixar atrás esa imaxe de declaracións como as de Borja Galán -"a derrota doe, pero non é para facer un drama- ou Fernando Vázquez, quen a tan só dous días de iniciar a aventura da Copa do Rei ante o El Ejido xa deixou claras as súas intencións de non presentar batalla no torneo do K.O., pois para el "non é unha competición na que nos teñamos que implicar ou deixalo todo no campo, porque é un paripé".

Con outra actitude parecen afrontar a Copa tanto Lugo como Ourense CF, que debutan hoxe ante Pulpileño e Leganés ás 18 e 20 horas da tarde respectivamente. Os albivermellos chegan coa motivación extra da vitoria conseguida en Liga ante a Ponferradina (1-0), e Nafti lembrou que "a nivel de agresividade e intensidade" os seus xogadores non ían "baixar o nivel".  

Pola súa banda, o Ourense recibe no Couto a un dos mellores conxuntos da Segunda División na que será unha data histórica para o modesto conxunto  da cidade das burgas.

Comentarios