O Deportivo tampouco existiu en Mendizorroza

Non era precisamente un partido para incomparecer, mais non houbo nen rastro do Deportivo en Gasteiz. Unha nova derrota. Un paso máis cara ao cadalso.

bakkali
photo_camera Bakkali abeirou outra vez o gol cun balón ao pau da portería do Alavés

Na primeira metade o Deportivo aínda finxiu un chisco de interese polo macht. Foi nese lapso de tempo cando Bakkali -activo mentres lle dura, pouco tempo, o combustíbel- ceibou unha preciosa zapatada que bateu contra o pau esquerdo de Pacheco, o replay da mesma xogada de Riazor contra a portería do Betis. Nese tempo o Deportivo aínda disputou algunhas bolas e contivo sen excesivos apuros a equipa local, que tampouco é que se estivese a tomar a cousa excesivamente a serio.

No segundo tempo chegou o escándalo. Si, porque non doutro xeito se pode cualificar o desempeño dos rapaces de Seedorf nos segundos 45 minutos. Unha incomparecencia impropia dunha equipa de fútebol profisional. 45 minutos sen chutar entre os tres paus contrarios. Un dado estarrecedor e a demostración de que non por aliñar máis xogadores ofensivos (Bakkali, Lucas, Adrián e Andone) vas criar xogadas de perigo. En realidade, o partido concluíu no minuto 61, co golazo de Munir. Había tempo máis que de abondo para reaxir. 30 minutos por diante. Mais este Deportivo sinxelamente demite cando recebe un gol en contra. Desaparece. Desliga. Adeus.

14 partidos fican por diante e a mellor noticia é que o Levante tampouco ergue en exceso a cabeza. Continúa a tiro de 3 pontos (ben, en realidade son 4, dado que o gol average teno en contra a equipa galega). O problema non é tanto a distancia como a inexistencia da equipa galega. O Espanyol visita Riazor a sexta feira. É un tanto cansativo escreber que se nos vén enriba unha nova final, mais évos o que hai.


Deportivo Alavés: Pacheco, Duarte, Laguardia, Ely, Martín, Manu García, Tomás Pina, Pedraza, Ibai Gómez (Hernán Pérez, min. 81), Munir (Medrán, min. 87) e Guidetti (Sobrino, min. 72)

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Bóveda (Borges, min. 81), Luisinho, Guilherme, Krohn-Dehli (Mosquera, min. 64), Bakkali (Fede Cartabia, min. 74), Lucas, Adrián e Andone

Goles: 1-0 Munir (min. 61)

Árbitro: Melero López (c. andaluz). Amoestou con cartóns amarelos Krohn-Dehli (min. 37), Bakkali (min. 68), Luisinho (min. 81), Munir (min. 87), Sobrino (min. 90+3)

Incidencias: partido da 24 xornada de LaLiga Santander disputado no estadio de Mendizorrotza ante 19.453 persoas.

Comentarios