Fútbol

O Deportivo rexistra o peor inicio de Liga da súa historia na Segunda

Nunca nas 41 tempadas en que o club coruñés militou na categoría de prata conseguira menos puntos e vitorias que na actual logo de 10 partidos de competición, empeorando mesmo as cifras das ligas 1973/74 e 1979/80, nas que os branquiazuis descenderon a Terceira e 2ªB, respectivamente.

Deportivo Coruña Antiguo
photo_camera [Imaxe: cedida] O Deportivo da Coruña, con Juan Acuña e Chacho, entre outros, na tempada 1943/44

A situación do Deportivo da Coruña cumprida unha cuarta parte da Liga nunca foi tan dramática. Por primeira vez na historia do club, a escuadra branquiazul rexistra tan só unha vitoria após a disputa dos 10 partidos iniciais de competición, e nunca nas 41 ocasións nas que militou na Segunda División conseguira menos puntos que na actual.

Oito puntos, unha vitoria, cinco empates, catro derrotas, once goles a favor e dezasete en contra é o balance dun inicio de campaña que lle costou o cargo a Juan Antonio Anquela, sendo substituído no banquiño polo galego Luís César Sampedro coa esperanza de mudar canto antes un escenario que non ten apenas precedentes na centenaria traxectoria do Deportivo.

O máis similar na categoría de prata é o da Liga 1978/79, onde pese a lograr un triunfo máis que na actual, os coruñeses chegaron á xornada 11 co mesmo número de puntos (aplicando o sistema de puntuación moderno, que outorga tres por vitoria, e non dous como sucedía na época). Enrique Mateos, José Manuel Sertucha e o gañador do Balón de Ouro, Luís Suárez, sucedéronse na dirección do cadro herculino ao longo dunha mala tempada na que se fixo notar a ausencia do prometedor gardamallas Paco Buyo, que estaba cumprindo co servizo militar obrigatorio en Huesca, pero na que finalmente logrou a salvación por tan só un punto.

A Segunda B e a Terceira División con mellores cifras que no 2019

Entre os anos 1970 e 1991 o Deportivo non disputou nin un só partido na Primeira División, nunha época que moitos afeccionados denominan en homenaxe á obra de Celso Emilio Ferreiro como Longa Noite de Pedra. Eses tempos escuros estiveron caracterizados polos problemas económicos, o constante ir e vir de adestradores e, mesmo, de presidentes, nunha serie de circunstancias que fan imposíbel non trazar un paralelismo coa situación actual.

E, con todo, en ningunha desas campañas se rexistraron unhas estatísticas peores que as que certifica o Dépor a estas alturas de Liga, inclusive nas que se descendeu a Terceira (1973/74) e a Segunda B (1979/80), onde se chegou á xornada 11 con 11 e 9 puntos respectivamente.

Precedentes en Primeira División

Coa excepción da etapa do Súper Dépor nos anos 90 e 2000, a traxectoria branquiazul na máxima categoría está caracterizada pola irregularidade, arrastrando o apelativo de “equipo ascensor” desde os anos 60, pese ao cal ocupa a duodécima praza na clasificación histórica da categoría, con 1843 puntos e 46 tempadas disputadas.

Delas, en seis ocasións presentou números iguais ou peores que os actuais unha vez disputado o décimo encontro da Liga. Nas tempadas 1943/44, 1968/69 e 2014/15 tamén contaba con oito puntos e, curiosamente, en todas elas logrou o obxectivo da permanencia.

Distinta sorte correu o conxunto coruñés na 1956/57, onde sumaba sete puntos; na 1964/65, que tiña seis; e na 1966/67, con cinco. Nas tres acabou  clasificado nun dos dous últimos postos da táboa e, polo tanto, baixando a Segunda División.

Comentarios