TABOLEIRO DEPORTIVO

O Deportivo, a un paso da salvación tras vencer o Levante

Todo queda pendente da última xornada, onde o equipo coruñés visitará o campo do Barcelona, que vén de proclamarse campión.

Foto: Deportivo
photo_camera Foto: Deportivo

O Deportivo afrontaba este domingo unha final para manter o seu soño na Liga BBVA. O equipo de Víctor Sánchez pasou por riba do Levante e roza a salvación. Dominou de principio a fin un encontro no que os xogadores deron todo. Lopo volveu ser decisivo para os coruñeses, cun gol aos 20 minutos de encontro. O defensa rematou un balón solto para adiantar o Dépor, que matou o partido cun golazo de Juanfran no minuto 79.

Todo queda pendente da última xornada, onde o equipo coruñés visitará o campo do Barcelona, que ven de proclamarse campión. O Dépor está con 34 puntos, os mesmos que o Granada, e dous por riba de Eibar e Almería, que ocupan os dous postos de descenso. 

O Celta queda ás portas de Europa

O conxunto vigués pecha unha temporada de boas sensacións e na que soñou con Europa até a penúltima xornada. O empate fronte ao Valencia (1-1) deixa aos vigueses na undécima posición, a catro puntos da sétima praza. Un gol de Pablo Hernández mantivo as aspiracións do Celta, pero o Valencia, que non foi quen de pechar o pase a Copa de Europa, igualou por medio de Otamendi. 

Final galega polo ascenso á ACB

O Breogán estará na final polo ascenso á ACB. O conxunto lucense recuperara o factor cancha de cara a un hipotético quinto partido. Pero non deixou marxe á sorpresa e venceu ao Valladolid nunha gran segunda parte (76-86). Breogán e Ourense loitarán pola única praza dispoñíbel para acompañar o Obradoiro na máxima categoría do baloncesto estatal. 

Comentarios