O Deportivo Liceo arrebátalle ao Barça a Copa do Rei

O Deportivo Liceo vence no Pazo dos Deportes da Coruña ao Barça por 3-2 e consegue a súa décima Copa do Rei
O Deportivo Liceo proclamouse campión da Copa do Rei (Foto: RFEP).
photo_camera O Deportivo Liceo proclamouse campión da Copa do Rei (Foto: RFEP).

Tivo que acardar 17 anos, pero o Deportivo Liceo, o equipo máis laureado da Galiza, xa ten nas súas vitrinas a décima Copa do Rei. E fíxoo na casa, no Pazo dos Deportes da Coruña, e fronte ao seu histórico rival, o FC Barcelona, ao que superou por 3 goles a 2. 

Os de Juan Copa chegaron ao descanso co 0-0 e controlando as faltas ao rival. Na segunda parte, marcada no inicio polas imprecisións, chegaron os tantos. Adiantouse o Deportivo Liceo por mediación de Jordi Adroher cando quedaban 17 minutos para o final. Tan só un minuto despois, grazas a un penalti transformado por César Carballeira, o equipo coruñés poñíase con dous tantos de vantaxe. 

Respondería o Barça, cun gol de Matías Pascual no minuto 35, e sete despois empataría novamente o partido Ignacio Alabart. O desenlace chegaría só un minuto despois, no minuto 43. De novo Jordi Adroher marcaría para o equipo verdibranco e deixaría o título na casa. 

Comentarios